Diante do comezo de curso

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

VIGO CIUDAD

14 sep 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A educación é un intanxible. Non se toca, aínda que se ve, e ben que se sinte, cando está e cando non está, nos individuos e nos colectivos humanos. A educación é unha realidade que se constrúe a base de información, valores, métodos, procedementos e coñecementos, nunha combinación de porcentaxes non doada de establecer e cunha rendibilidade social que nunca se mide a curto prazo. A educación é sempre un investimento, non un gasto. E non se improvisa, nin se levanta da noite para a mañá, máis ben é o resultado de moitos anos, ás veces de varias xeracións, iso que chamamos cultura. A educación non é mera acumulación de datos, senón unha posición ante a vida, tamén ante a sociedade e a realidade en todos os seus aspectos, para comprendela, para actuar sobre ela e modificala naquelas cuestión que sexan mellorables, e mais para convivir.

Disimule o lector o preámbulo, teórico de máis e seguramente obvio. Pero estamos inaugurando curso académico: no ámbito primario, no ensino medio e na universidade. Ben sabemos que as cifras e as estatísticas pintan segundo quen as deseña e presenta. Non é cousa de entrar agora na guerra das cifras. O papel terma do que lle poñen, din os paisanos. Mais é unha realidade obxectiva, e unha percepción contrastada decote pola experiencia de alumnos, pais e profesores, a mingua constante (atrevémonos a dicir que espectacular) que duns anos para acó e de xeito sistemático veñen sufrindo os orzamentos (recursos) nun sector certamente vital para o futuro de calquera sociedade: merma de recursos humanos (equipos docentes) e merma notable de equipamentos, incluído o estado xeral dos centros, o material escolar e de apoio (nalgúns casos non temos para fotocopias), fondos de investigación, tecnoloxía, formación permanente, bolsas de estudo, etcétera. O discurso dos reitores en Vigo é abondo elocuente.

Certo que o sistema merece unha revisión e que é susceptible de melloras. Non todo é meter diñeiro. Os incentivos non teñen por que ser necesariamente económicos. Mais para afrontar esa revisión necesaria cómpre establecer un clima previo que non temos. O dato que acaban de poñer enriba da mesa as autoridades académicas: algo tan elemental como a imposibilidade de renovar os equipos docentes, mesmo compensando as xubilacións e retiros do profesorado e dos investigadores, debería ser unha luz de alarma para o conxunto da cidadanía, que desgraciadamente non acaba de entender que a universidade (a educación no seu conxunto) é un factor de primeirísimo nivel para o desenvolvemento das sociedades, ámbito que está sendo severamente sacrificado en aras dunha política de axustes, mermas e austeridade mal entendida (non igual para todos) que ameaza gravemente o futuro e, por extensión, o sistema. Se cruzamos a raia de mínimos, moi dificilmente nos recuperaremos. Dicíamolo máis arriba: a educación non se improvisa, o que estamos a perder hoxe, que é moito, non o recuperaremos se cadra nos próximos dez anos. Unha vez que pasa o sol pola porta, non volve pasar dúas veces.