Galaxia publica la primera traducción íntegra al gallego del Ulises de Joyce

Efe

VIGO CIUDAD

La obra sale al mercado después de diez años de intenso trabajo con numerosas incidencias

25 ene 2014 . Actualizado a las 01:46 h.

«Aí está Otero Pedrayo mirando para nós», decía na noite de onte Xavier Queipo na Real Academia Galega. O intelectual ourensán, que está nun dos cadros do salón de actos da RAG, foi o primeiro que verteu ao galego anacos do clásico de Joyce. Onte presentábase a traducción que ven de publicar Galaxia na colección Clásicos Universais.

É o resultado de dez anos de traballo, relatou Carlos Lema, despois de salientar que foi «o entusiasmo» do director da editorial, Víctor Freixanes, o que fixo posible este proxecto. Lema relatou un proceso que tivo atrancos, como a negativa dun sobriño-neto de Joyce «que desautorizaba calquera versión nova». A solución foi que o ano pasado os dereitos de autor pasaban a ser públicos. Tamén detallou Lema o debate sobre o tipo de edición e «dicidimos prescindir de todo aparato crítico; quería facer un texto espido, que deixase aberta a interpretación». De feito, Antón Vialle, outro dos tradutores, deu conta da nota que tiñan pensado dar ao final do libro «pero que non se incluiu».

Eva Almazán, que non puido asistir a presentación, e María Alonso Seisdedos fixeron tamén esta traducción na que cada un deles facía unha parte que despois leían os outros. «Fun revisando e pasando episodios, non sei cantas veces lin o Ulises», dixo Seidedos. Confesou que pasou semanas enteiras adicadas por completo a este traballo.

«Non te metas na auga»

Esta tradutora contou, divertida, que indo cara a Vilanova de Cerdeira hai unha praia que se albisca desde a ponte. Un día que cruzaba, «non lembro se andando ou na bicicleta», cando dedicaba xornadas enteiras á obra de Joyce, escoitou un berro que a deixou moi sorprendida: «¡Ulises! Non te metas na auga». Era unha nai que rifaba co seu cativo chamado Ulises.

Facendo súa unha mensaxe de Eva Almazán, Seisdedos insistiu en que «este é un traballo en equipa», algo que tamén salientou Queipo. Este tradutor valorou o que supón esta obra aludindo a unha pintada que hai en Vigo: «O imposible é simplemente o que leva un pouco máis de tempo». Despois de apuntar que «o Goberno galego negou unha axuda a esta traducción» dixo estar «orgulloso de ter recollido a bandeira de Otero Pedrayo e Risco». Os membros da Xeración Nós foron pioneiros no interese por Joyce, tal e como documentou na súa intervención o catedrático Antonio de Toro, que tamén mencionou a Cunqueiro, García-Sabell, Torrente Ballester, Cid Cabido, Rivas ou Suso de Toro, coma outros escritores interesados.

«Prescindimos de todo aparato crítico, un texto espido que deixe aberta a interpretación»

Carlos Lema