Tan lonxe, tan cerca

Fernando Soto Loureiro

VIGO CIUDAD

05 ago 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Hai xente que pensa que as tabernas non deberían ter outra función que a venda de bebidas espirituosas e pouco máis... Que non son os máis axeitados lugares de reunión social. Eu non penso así, síntoas como unha segunda casa, un lugar de acollemento, especialmente para os que coma min, ás veces, viaxamos tanto que temos a sensación, de realmente non ter un fogar, alén do mar.

Teño navegado moitas millas, dende hai xa uns cantos anos, que xa empezan a ser demasiados, por motivo de traballo, si, pero mais tamén por medo, por fuxir dunha lembranza da propia covardía, do silencio do amor calado afogado por unha timidez absurda e realmente quen afoga é a miña vida.

Galicia e Dublín, lonxanos pero no fondo semellantes, sinto que dalgún xeito estou de volta no fogar, «so foggy» como neboento, «so rainny» como chuviosa é a nosa terra... A mesma friaxe húmida que chega ata o máis fondo dos nosos ósos. Nesta taberna tampouco hai fume, porque tampouco se permite fumar. Ás veces, esa néboa artificial do tabaco, facíame sentir máis protexido, para afundirme nos meus pensamentos e así pasar máis desapercibido, pero aquí síntome máis anónimo se cabe, porque hai un balbordo, tan esaxerado, que non sei se falan inglés ou ben galego... A pinta de cervexa é tan amarga coma a nosa, tan lupulada que parece feita en Betanzos e incluso unha gaita de fondo, cunha melodía estrañamente familiar... Ata teño a mesma compaña que en Galicia, a miña soidade e a túa lembranza. Nunca puiden dicirte o que sentía e fuxín, pero hoxe tiven a necesidade de escribirte neste pano de mesa de papel.

Son home de vellos costumes, entendo pouco de ordenadores e aquí parece incluso blasfemo non recorrer á carta tradicional, semella que o tempo está detido que a modernidade parece fóra de lugar.

¿E que foi o que aconteceu?, ¿por que te escribo hoxe?... Porque acábanme de dar una resposta a xeito de pregunta dentro dunha canción. O vello Van Morrison xunto ós Chieftains, banda sonora momentánea deste lugar, estanse a preguntar «Have I told you lately?... that I love you»... ¿Díxenche por fin que te amo?

Fernando Soto Loureiro (Vigo, 40 anos) é médico.