«Tentamos que o alumno sinta paixón pola madeira»

j.?g. santiago / la voz

VIGO CIUDAD

«Co título podes colocar tarima ou facer instrumentos musicais ou barcos», afirma

14 jul 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

«Todos os oficios en que o traballo do profesional é o que máis se valora, e non os materiais que emprega, teñen máis saída, porque o valor acrecentado é máis elevado», afirma José Antonio Pose, arquitecto e profesor de ciclos de madeira no Politécnico. Antes, no centro de FP do Pedroso ensinou Deseño e amoblamento, título que incorpora agora o Politécnico.

-¿Recomenda este título?

-É interesante, Deseño e amoblamento ten unha colocación próxima ao 90 %. Serve para exercer de xefe de departamento de deseño. Os titulados saben control numérico, organización empresarial, sistema de xestión de calidade e medioambiental e todo o que se precisa para ser un cadro intermedio nunha empresa. Hai empresas que os rifan, e se saben idiomas mellor, porque son empresas internacionalizadas. O Politécnico ten tamén Carpintaría e moble e Instalacións e amoblamento, da mesma familia e de grao medio.

-¿Ve estes estudos como unha opción profesional con futuro?

-Na formación que ofrecemos no centro tentamos que o alumno sinta paixón pola madeira. Despois, a opción profesional depende moito. Co título podes colocar tarima, montar estruturas ou facer instrumentos musicais ou barcos, aínda que para ser lutier ou carpinteiro de ribeira tes que completar a formación.

-¿Informan de todas esas posibilidades ao alumnado?

-Si. Este curso, por exemplo, organizamos unha excursión a unha das mellores escolas de lutería de España, que está en Vigo. Todos os cursos hai alguén que opta por esta saída.

-¿É unha boa saída laboral?

-Si que o é. Para un físico, o límite profesional pode estar en traballar no acelerador de partículas do CERN; na madeira a lutería é o límite, a máxima expresión da profesión, que esixe facer medicións en micras e unha enorme exquisitez. Son moitos anos de especialización, e os grandes lutieres levan segredos para a tumba. O valor acrecentado é impresionante: un instrumento pode valer 6.000 ou 7.000 euros, e os materiais empregados para o construír non chegar a mil; e un bo profesional fai dous ou tres por mes.

-¿Como é que un arquitecto se interesa tanto pola madeira?

-Porque a través dunha profesora de Arquitectura coñecín a Henrique Schreck, un arquitecto portugués de culto interesado na música e na lutería. Aí comezou o meu interese como afeccionado pola lutería.

-¿E fai instrumentos?

-Desde hai 7 anos, nos veráns rehabilito violíns usados. O violín está considerado o instrumento máis perfecto, cantos máis anos se toca mellor soa. Un violín de 200 anos incorpora cousas boas dos violinistas que o tocaron; non se sabe moi ben o por que. Tamén recuperei dous violíns-trompeta, que se utilizaban antes de que existisen os sistemas de gravación modernos; e unha dorna antiga, de 80 anos.

-¿Por que lle ve tanto interese á madeira?

-Porque é un dos materiais en que a relación entre a resistencia e o peso propio é maior; está entre os materiais máis resistentes, de exceptuarmos as fibras compostas.