Alonso Montero é presidente da RAG por só dous votos de marxe

Luís pousa / Camilo franco REDACCIÓN / LA VOZ

VIGO CIUDAD

Os académicos retratáronse co novo presidente (terceiro pola dereita, abaixo) nunha foto na que houbo notables ausencias.
Os académicos retratáronse co novo presidente (terceiro pola dereita, abaixo) nunha foto na que houbo notables ausencias. césar quian< / span>

O cambio de decisión dun académico que apoiara a Manuel González na primeira rolda desfixo o empate na segunda e definitiva votación

21 abr 2013 . Actualizado a las 11:35 h.

Por só dous votos de marxe Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928) converteuse onte no presidente número doce da Real Academia Galega. Foron necesarias dúas horas e media de reunión e dúas roldas de votacións para elixir ao sucesor de Ferrín na rúa Tabernas. Coas ausencias de Bernardino Graña (por enfermidade) e Antón Santamarina e os votos emitidos por correo de Xosé Luís Franco Grande e Xohana Torres sobre a mesa, o relevo quedou en mans dos 23 académicos que asistiron ao plenario. González e Alonso Montero detallaron as súas propostas e, antes da votación, Rivas fixo unha última intervención pedindo a reconciliación dos dous sectores enfrontados. «Hai que evitar por todos os medios que entre na Academia unha dialéctica de amigos e inimigos. O noso partido é a Academia», apuntou.

Posto que esta era a primeira ocasión na súa historia en que dous candidatos aspiraban á presidencia, a Academia tivo que argallar un sistema de votación que garantise o secreto do voto. Deste xeito, os membros do plenario votaban no salón habitual, pero as papeletas descansaban nunha sala contigua e os académicos as recollían por turnos o que, segundo o novo presidente, «fixo un pouco máis lento o proceso»

Na primeira votación, na que se incluíron os votos por correo, houbo un empate a doce papeletas e unha abstención. Na segunda rolda retiráronse xa os votos por correo, co que cada un dos aspirantes perdeu un apoio. Agardábase un empate a once, igualdade que favorecía a González (con máis antigüidade na RAG gañaba en caso de empate), pero un dos académicos que na primeira rolda apoiaran a Manuel González decidiu cambiar a orientación do seu voto no último momento e dar o seu apoio a Alonso Montero, que foi elixido finalmente por doce votos a favor, fronte aos dez de González e unha abstención.

Durante os próximos catro anos acompañarán a Alonso Montero na executiva Henrique Monteagudo (secretario), Andrés Torres Queiruga (vicesecretario), Rosario Álvarez (tesoureira) e Margarita Ledo (bibliotecaria).