Unha historia en 35 mm.

Xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

VIGO CIUDAD

archivo villar foto

A publicación da Fundación Barrié «Cines de Galicia» cataloga 74 espazos de exhibición cinematográfica na provincia de Ourense

07 abr 2013 . Actualizado a las 06:00 h.

A historia do século XX escribiuse en imaxes e na vida social, cultural e educativa xogou un papel decisivo un dos inventos revolucionarios de finais do XIX: o cine. O descubrimento dos Lumière tivo os seus atrancos ao comezo, coas primeiras exhibicións, aínda que axiña se converteu o cine nun fenómeno de masas; en 1908 empeza a xeralizarse a distribución e rotación dos filmes, nacen as primeiras salas cinematográficas e comeza a espallarse a creación de recintos para a exhibición de películas e a edificarse os primeiros cines. Da relación cos galegos, e os ourensáns, co cine e da arquitectura destes espazos para amosar as imaxes en movemento trata Cines de Galicia (Fundación Barrié. Colección Patrimonio Vivo), unha publicación da que son autores José Luis Cabo Villaverde e Jesús Ángel Sánchez García.

Dos pioneiros aos alternativos

No traballo aparecen catalogados un total de 848 cines, dos cales 74 corresponden aos espazos de exhibición da provincia de Ourense. Só 23 municipios chegaron a contar con cine, sendo Ourense (con 19), Verín (9), Ribadavia (7), O Carballiño (6) e O Barco (6) os que tiveron maior número de pantallas ao longo da súa historia. Xinzo e Leiro tiveron tres cines e Amoeiro, Celanova, Maside, Trives e A Rúa dous. Nos concellos de Allariz, Bande, Carballeda de Avia, Castro Caldelas, Cea, Cortegada, Laza, Maceda, Viana do Bolo, Vilamartín e Xunqueira de Ambía chegou a funcionar un cine.

Os primeiros espazos cinematográficos foron ambulantes ou provisionais e algúns dos primeiros cines estables desapareceron logo de padecer algún accidente. A gran maioría dos edificios senlleiros que albergaron cines na provincia xa non existen, moitos deles morreron de especulación urbanística, e os poucos que se manteñen fano adicados a outros usos, de xeito preferente á actividade comercial. Na actualidade só quedan tres cines na provincia: o Cinebox, de Ourense, e os pequenos cines promovidos polos últimos románticos da maxia da luz: o Gesma, de Xinzo, e o Novocine, de Leiro.

Isaac Fraga, o pioneiro

O libro Cines de Galicia adica varios apartados a analizar a evolución do estilo arquitectónico dos cines galegos e un dos capítulos céntrase na figura do pioneiro da exhibición cinematográfica en España: Isaac Fraga (O Carballiño, 1888 -Vigo, 1982). Da Empresa Fraga era o desaparecido Xesteira.