«No escenario podes facer o que che dea a gana, menos aburrir»

ángel palmou CARBALLO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

Avelino González levará os seus «Contos de contrabando» o domingo a Vimianzo

14 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

As risas volverán este domingo na Casa da Cultura de Vimianzo. O polifacético Avelino González (Vigo, 1962), actor, contacontos, autor, director e tradutor subirase ao escenario da Casa da Cultura (20.00) con Contos de contrabando, unha proposta pensada «para pasar un bo rato, pero que ademais de divertido, sexa interesante».

-¿Que teñen de contrabando estes contos?

-Varias cousas. Primeiro, que un deles vai directamente de contrabando e ademais que reflexan como moitas veces as aparencias van por un lado e a realidade vai por outro, e como hai algunhas cousas que saen nos medios de comunicación e outras que son tan ou igual de importantes ou próximas a nós non o fan. E todo elo sempre peneirado polo humor, que non se trata de darlle conferencias a ninguén.

-¿E onde busca a inspiración?

-Na realidade, nos soños e na tradición aínda que a min gústame moito o contemporáneo, o que pasa hoxe en día e cando conto cousas de tradición póñolle un punto de vista actual para ver que teñen de vixente e como serían os personaxes desas historias se vivisen hoxe en día. Tamén me gusta moito a realidade, o que facemos todos os días, porque o certo é que somos moi curiosos.

-Aparte de contacontos é actor, director, autor, tradutor. ¿Como compatibiliza todas estas facetas?

-O de compatibilizar depende do choio que teñas, pero aquilo que nos explicaban na escola do sistema americano de especialización hoxe queda demostrado que é mentira: como non saibas ademais, de nadar, camiñar, andar en bici, en coche, camión ou moto non te moves do sitio.

-¿Tal vez por iso pon no seu currículo ?carné de conducir, zancos, cabalo??

-Si, si, hai que estar a todas, hai que vendimar no branco e vendimar no tinto, non queda outra, e de feito houbo un tempo en que vivía case que exclusivamente dos zancos, dábanme moito choio.

-¿Pero ten máis querenza por algunha desas facetas?

-A min gústame todo o que ten que ver con estar ante o público, gústame moito actuar e gústame moito contar contos, e coas dúas cousas pásoo igual de mal ao principio: sempre estou igual de nervioso e preocupado por se lle vai gustar á xente ou non e se lles vai merecer a pena virme aturar ou, porque unha das cousas que eu aprendín dos vellos paiasos de circo clásicos era que no escenario podes facer o que che dea a gana, menos aburrir.

-Este ano podería lograr o seu sexto premio María Casares.

-Oxalá, oxalá. A min faime moita ilusión porque os premios son un xeito de dicirche que o teu traballo gusta, son como un aplauso ao final dunha actuación, a pesares de que hoxe en día, como todos somos moi educados, xa aplaudimos a todo, guste ou non guste.

-Con cinco María Casares xa, ¿sigue tendo sitio para poñelos?

-O que teño é á miña nai encantada e ás miñas sobriñas orgullosísimas.

-O público da comarca tamén o coñece polas súas colaboracións coa compañía teatral ceense Talía dirixindo obras como «Bicos con lingua» e «Pelos na lingua».

-Con Talía eu teño unha sintonía especial, porque é unha xente coa que se traballa moi ben, é un luxo, unha lotería, un agasallo... non teño palabras. E tamén teño outros amigos por aí na zona, que xa ameazaron con vir verme o domingo.