Manuel Ojea Rúa: «Temos a cultura do pelotazo pero ¿que pasa co que se esforza?»

Jesús Manuel García OURENSE / LA VOZ

VIGO CIUDAD

Santi M. Amil

É un dos grandes investigadores españois no campo do autismo

10 feb 2013 . Actualizado a las 14:20 h.

Manuel Ojea naceu na rúa Hernán Cortés e criouse no barrio de San Francisco. Aquel rapaz nacido no 1958 estudou no instituto Blanco Amor, despois fixo Maxisterio para pasar a estudar Psicoloxía en Santiago. Xa na Universidade de Vigo licenciouse en Psicopedagoxía, diplomouse en Pedagoxía e tamén en Pedagoxía Terapéutica. Ojea é doutor en Psicopedagoxía e catedrático de instituto.

No 1981 comezou a ter experiencias de atención directa a nenos con necesidades específicas. «Coincidiume entre eles un caso de parálise cerebral e posteriormente un neno con autismo», sinala. Así Manuel Ojea empezou a dedicarse de cheo ás discapacidades motoras. «Pronto me puxen en contacto co significado do autismo naquel momento, que se consideraba unha psicose infantil primaria e a partires de aí foi un querer saber sobre este tema de xeito incesante».

Hoxe este profesor é unha autoridade na cuestión. Quixo saber que había detrás daquel comportamento dos nenos autistas. «¿Como entender ese illamento? Tamén se da nas persoas normais. Parecía que tiña que haber algo máis que unha simple introversión profunda», indica.

Inda hoxe confesa estar sorprendido: «Intento cada día coñecer mellor este proceso por dentro para poder tratalo mellor desde fora», explica Ojea Rúa.

Proba desa ansia de saber son os 32 libros sobre autismo e capítulos de libros, máis outros 36 libros de innovación ou programas de coeducación; publicacións en revistas científicas, máis de 40 artigos de autismo e conferencias. Manuel Ojea sostén que o autista non vive illado: «Non se nega á relación, non se esconde, simplemente non comprende as cousas que lle suceden arredor. Agora madurei a maneira de entender a educación destas persoas». Ojea ve o sistema educativo como medio de consecución rápida de contidos curriculares: os recortes di que se notan «e na atención á diversidade, máis». «Todo recorte educativo vai supor unha perda económica e social grande», engade, e defende un cambio de valores. «Temos a cultura do pelotazo. Se lle fago a pelota aos superiores consigo isto pero . ¿que pasa co que se esforza?».