A 25 Festa da Castaña do Courel foi presentada na sede da Deputación

quiroga / la voz

VIGO CIUDAD

03 nov 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

A 25 edición da Festa da Castaña do Courel, que se celebrará mañá en Folgoso, foi presentada onte na sede da Deputación nun acto que contou coa participación de Mari Carmen Vergara, presidenta da asociación cultural A Coroa, e Lara Méndez, vicepresidenta segunda do organismo provincial. A Deputación axudou a financiar o festexo gastronómico cunha subvención de 3.000 euros, concedida dentro dun convenio establecido entre o Concello e o Instituto Lucense de Desenvolvemento Económico e Social.

A presidenta da asociación A Coroa, que organiza esta edición da festa, suliñou a importancia da cita gastronómica «non só para promocionar os nosos produtos senón tamén o noso concello e toda a nosa comarca». No acto destacouse por outro lado a importancia da produción de castaña na comarca de Quiroga, que conta en total con máis de 1.100 hectáreas de soutos. Lara Méndez sinalou pola súa parte que a Deputación destinou este ano 100.000 euros a financiar iniciativas que teñen por obxecto «poñer en valor, difundir e mellorar a comercialización dos nosos produtos».

A festa terá hoxe un prólogo coa celebración el Folgoso dun baile animado polo dúo musical Karamba. O domingo, ás 13 horas, levarase a cabo a lectura do pregón, a cargo de veciños que formaron parte da primeira comisiómn organizadora do festexo hai vinte e cinco anos. Seguidamente ofrecerase unha degustación gratuíta de castañas asadas e viño novo. No recinto da feira, situado no Souto da Carroza, haberá venda de produtos típicos da serra.

Durante a xornada actuarán os grupos Gaitas e Cantores do Caurel -de recente creación- e Pandeireteiras de Urdime, de Vigo.