O primeiro manual de galego naceu nunha caixa

VIGO CIUDAD

XOAN CARLOS GIL

Piñeiro e Del Riego convenceron a Franco Grande para que elaborase en seis meses o seu dicionario

14 may 2012 . Actualizado a las 20:25 h.

Corenta anos antes da consulta on line na Rede, os dicionarios de galego foron ferramentas fabricadas de xeito artesanal. O Franco Grande, así era coñecido, foi o primeiro manual que manexaron os escolares desde que a lingua galega se incorporou ao plan de estudos. O Diccionario galego-castelán, publicado no 1968 por Galaxia, deixou pegada na formación de varias xeracións de estudantes e o seu autor, Xosé Luís Franco Grande, lembra a súa elaboración coma un labor «primitivo» e un traballo «de pura emerxencia comercial e cultural».

«Fíxeno única e exclusivamente porque mo pediron de Galaxia, e porque máis que pedilo, mo propuxeron case en termos morais. Había que facelo rápido porque tiñan noticias de que se ía publicar outro, o de Carré, e era fundamental sacalo antes, cousa que conseguimos en cousa de non máis de seis meses. As persoas que me puxeron entre a espada e a parede foron Ramón Piñeiro e Paco del Riego. Pensaron en min porque son disciplinado e eu piquei», conta o escritor.

Relata Franco Grande que daquela falábase de que ía ser posible o ensino oficial en galego e non existía un instrumento elemental de traballo para poder atender as necesidades que se ían crear. De aí a présa. «O problema para min era bastante grave. Estas cousas hai que facelas con certo vagar, non correndo», apunta

Deste xeito, o escritor e académico recoñece que fixo o que puido, tratando de incorporar todo o galego vivo que se coñecía a través de vocabularios e publicacións como as de Aníbal Otero, aínda que tomando como referencia fundamental o dicionario de Eladio Rodríguez González. «Levoume un traballo enorme porque daquela non había ordenadores. Eran fichas que eu facía a man e que metía en caixas de zapatos. Unha vez caeuse unha e foi espantoso poñelo todo en orde. Así de primitiva e elemental era a cousa», conta no seu despacho en Vigo, o mesmo espazo onde se xerou o primeiro manual que manexaron os rapaces galegos nos anos setenta e oitenta. Alí aínda garda algunhas daquelas fichiñas que pouco tarda en atopar.

O dicionario, que se esgotou enseguida, tivo unha edición posterior en 1972. «O resto son reimpresións», aclara. O autor recoñece que foi naquel segundo asalto cando se sentiu desbordado co encargo, ao ter que incorporar moitísimos termos máis que non aparecían na primeira edición, pero na tarefa contou coa inestimable axuda de Xoán Bernárdez Villar, como fai constar no prólogo. «Aquel encargo hoxe podería ser case un xogo, entón era cousa de chineses», apunta.

Franco Grande sinala con modestia que os exemplares esgotábanse enseguida por razóns alleas. «O éxito debeuse a que era o único que había no mercado», explica sobre o dicionario no que incluíu tres dedicatorias: aos rexos labregos de Tebra, a os que asistiron ás súas clases de galego en Vigo, e a Tebra, «miña terra, onde teño as raíces máis fondas, por enriba de todo, aínda que esta restitutio non é, nin pode ser, in integrum».