«A lingua do pobo é unha fonte xenerosa»


redacción / la voz

O selo ourensán Linteo vén de publicar a versión castelá do poemario Áspera materia, de Luís González Tosar, en tradución de Gonzalo Navaza e con limiares de Darío Villanueva e Xosé Luís Méndez Ferrín, e que vén de presentar en Bos Aires.

-¿Que tal a experiencia de verse traducido?

-Este libro é probablemente no que máis empeño puxen en procurar unha lingua patrimonial que rachara con esa koiné na que hoxe escriben, para desgraza do galego, a maioría dos autores. Cando me propuxeron en Linteo a edición a persoa na que pensei foi Gonzalo Navaza, que fixo un traballo espléndido. Estou moi satisfeito de como quedou traducido e tamén de que non sexa un libro bilingüe, que era a idea inicial, porque penso que en linguas tan próximas como o galego e o castelán non é necesario e o libro sostense por si mesmo.

-Xa dende o título orixinal, coa palabra «estúrdiga», quedaba claro que era un reto.

-É unha palabra que non figura no dicionario, e non sei se se incorporará ou non. Pero está viva na fonte da lingua do pobo, que é unha fonte xenerosa: o que pasa é que a xente non quere beber nela. Non é segredo ningún, hai que poñer a orella, escoitar ao pobo. É a diferenza entre facer escritura e literatura, as ferramentas son diferentes.

-No libro, compara o labor do poeta co de distintos artesáns.

-É o traballo de artesáns e aí está a súa obra, que é produto da habelencia. O escritor, igual que o artesán, ten que superarse para poder deslumbrar en cada entrega, ou polo menos conmover.

-Ferrín fala no prólogo do garimpeiro na procura da esmeralda.

-Ferrín é moi xeneroso comigo e eu agradézollo. Unha das mellores cousas que me pasaron na vida foi chegar en 1969 a Vigo e ser alumno de Literatura Española en quinto de Bacharelato con el. Comprobamos como el, que era o noso profesor favorito, a mediados de curso viñan buscalo uns señores que pertencían á policía franquista. Aí foi onde tomei conciencia da realidade terrible na que viviamos e que había que facer algo.

-¿Como conxunto o poemario é cunha celebración da vida, pero incluída tamén a dor?

-Iso foi o que intentei, era a miña idea. Este é un poemario cunha unidade, non é un caixón de xastre. Quería darlle esa unidade espiritual, porque eu non fuxo da palabra espírito. Hai luz e sombra e tamén lusco fusco. Ás veces mestúranse estes resplandores e ao final o poeta queda cego, non se sabe se por tanta luz ou polas tebras que o inundan todo. Iso é o tránsito. Con este libro pecho un ciclo no que intentei mostrarme de corpo enteiro, no que intentei trasladar o que fun aprendendo e descubrindo, tamén co meu propio corpo, ao longo destes anos, que serán 60 o vindeiro agosto. Están Galicia, a emigración, está a dor, están os desarraigos, está a miña propia condición, a cuestión das identidades...

luís g. tosar poeta e presidente do pen club de galicia

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Vigo

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

«A lingua do pobo é unha fonte xenerosa»