«A peli estará en todos os cines»

«Vilamor» estrearase o sábado 31 de marzo no Barco e na Rúa


o barco / la voz

O 25 de febreiro Ignacio Vilar (Petín, 1951) iniciaba a rodaxe de Vilamor, que o 31 de marzo se estrea nos cines de O Barco e A Rúa. Así que xa empezou a promoción. Repartiu propaganda na festa do botelo do Barco, e tamén houbo un gran cartel da cinta na do codillo da Rúa. E así, «incansable», anuncia, estará en todos os sitios posibles. Xa en abril e maio, Vilamor chegará á capital e a outros puntos da provincia.

-¿Que é «Vilamor»?

-É unha historia inspirada na comuna que se creou no 76 en Negueira de Muñiz. Fixen un documental sobre o tema no 1999 e xa me gustou, aquilo parecía unha historia do Oeste. Eran universitarios e profesores, que querían unha vida diferente despois de 40 anos de ditadura e represión. Eran unha xente con moitas inquietudes que querían unha nova sociedade, así que marchan vivir para unhas aldeas que quedaran abandonadas coa construción dunha presa. E así, limpando silvas, atoparon un lugar para vivir, unha aldea impresionante. Era unha busca dunha nova sociedade, do amor libre... E é algo que está pasando agora. Había unha necesidade de cambio que se está vendo agora.

-Máis aquilo non funcionou.

-Tiveron moitos problemas, pero hai cousas que quedaron. Por exemplo, a relación home-muller. Esa foi a primeira vez en que a relación era de igual a igual, algo que con Franco nos pasaba. E foron uns pioneiros do movemento ecolóxico.

-Dicía que é unha historia inspirada, ¿tamén hai ficción?

-É totalmente ficción. É unha película con actores, só inspirada en momentos puntuais en feitos reais.

-¿Unha película de época?

-Está toda ambientada nos anos 70: vestiario, perruquería... E é unha película moi coral, con ata 16 personaxes en plano. Iso supoñía levantarse ás catro da mañá para poder estar listos para rodar ás nove.

-Supoño que iso encareceu o proxecto...

-Moito. E, ademais, rodamos nos lugares nos que sucedeu, en lugares de difícil acceso aos que había que chegar en barca. E durante as estacións do ano, incluso a 1.600 metros, e nevando, tendo que levar quitaneves e tractores para poder pasar. Pero despois, cando se ve no cine, é espectacular.

-A estrea vén para a casa.

-O 30 de marzo preséntase en Lugo, porque foi alí onde se rodou; pero eu son de Petín, e o cine da Rúa é onde eu empecei a ver cine, e téñolle agarimo. E aquí teño familia. Por iso ao día seguinte estarei no cine rués cos actores e as actrices. Os de Valdeorras poderana ver antes que os de Vigo ou A Coruña, o que non é normal. ¡E os que viven nas vilas teñen dereito a ver as películas pronto!

-¿Como é a distribución?

- Nós, o equipo, imos de provincia en provincia, de cidade en cidade, para poder facer promoción. Dúas semanas antes de chegar a un sitio estamos nos institutos e nas asociacións de veciños, para que todos saiban que nuns días vai estar alí a película e que a poden ir ver. Pensamos que a maneira de traballar das grandes distribuidoras americanas non nos interesa, porque aplican o mesmo criterio para todas as películas. E con esta sabemos que a peli estará en todos os cines.

-Un pouco o que fixeron con Pradolongo...

-Van cambiar cousas, porque aprendemos moito. Desta vez imos ir cunha caravana para facer ruído, e que todo o mundo saiba cando se estrea a película no cine máis cercano. E creo que en Valdeorras vai ser unha historia que vai gustar moito, porque sae o Navia e Os Ancares, que se parecen ao Sil e a Trevinca.

ignacio vilar director de cine

«Son de Petín,

e na Rúa é onde empecei a ver cine, e téñolle agarimo»

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Vigo

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos

«A peli estará en todos os cines»