A Fundación Penzol recibe en doazón os fondos arquivísticos de Xosé María Álvarez Blázquez

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

A familia conservará 79 carpetas máis, que no futuro tamén poderían ser doadas

04 feb 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

«Esta notable doazón enriquece á Biblioteca Nacional de Galicia, como alguén chamou á Fundación Penzol», sinalou Alfonso Zulueta, como presidente do padroado receptor das 111 carpetas de fondos arquivísticos de Xosé María Álvarez Blázquez.

Os fillos e fillas do investigador e literato firmaron onte o convenio de doazón de máis de 2.500 documentos, folletos, recortes de prensa, manuscritos, orixinais mecanografados e coleccións temáticas de prehistoria, arqueoloxía, literatura galega medieval, Rexurdimento, anos escuros, romances impresos en Galicia e unha importante colección do cancioneiro popular; historia de Galicia e de Vigo; filatelia; temas vigueses; toponimia e lingüística; etnografía e folclore; documentación política da transición e da primeira etapa democrática; emigración, recortes de prensa e publicacións sobre Castelao; e varios temas máis.

«Todo aquel esforzo de traballo non podía estar nun espazo privado», afirmou Xosé María Álvarez Cáccamo, fillo do galeguista. A familia aínda conserva 79 carpetas máis, que no futuro poderían tamén ser doadas. Na Fundación Penzol existen xa coleccións procedentes de fondos de Xosé María Álvarez Blázquez, que lle adquiriu Fermín Penzol nos anos sesenta do século pasado. Entre eles podemos destacar unha colección de 287 documentos en pergameo e papel, do século XII ao XVI, e outra formada por 353 manuscritos autógrafos, do século XVIII ao XX, con cartas, poemas e minutas de importantes figuras galegas.