«Deixen de manipular os pensamentos das persoas»

VIGO CIUDAD

26 dic 2011 . Actualizado a las 19:41 h.

As persoas que realmente coñecemos e respectamos o movemento veciñal entristécenos a situación que nestes intres existe entre a Federación Veciñal e o Concello de Vigo. Este é o resultado de poñer ao fronte das entidades a persoas que a súa única preocupación é persoal e, sobre todo, servir a estes caciques modernos que xogan en Galicia a salvar os cidadáns, pero que á hora da verdade, o que fan e vendelos e sometelos.

Por iso o problema non e do movemento veciñal, que está libre de dependencias absurdas e todos sabemos nos nosos barrios cales son esas asociacións plurais e independentes que non ven o color das persoas a hora de traballar por elas. Outras asociacións, sen embargo, morreran porque son só apéndices de movementos traidores aos intereses veciñais.

É unha magoa que nestes momentos os partidos políticos (eses que presumen de ser os máximos defensores das políticas sociais no papel) sexan precisamente os que fan o posible por destruir a esencia da participación, os que ameazan precisamente a aqueles que deberían de defendernos como cidadáns. Non nos preocupemos, seguiremos tendo movemento veciñal no momento que os intereses persoais deixen de primar na cidade de Vigo. Con alcaldes que respecten o libre pensamento e con partidos que perdendo o apoio cidadán non busquen a súa base no movemento veciñal. Con gobernos e oposición que respecte o dereito a critica, a reivindicación, que favorezan o dialogo e coloquen, como as boas asociacións, o ben común por riba de intereses.

Xa non somos cidadáns de Vigo sen inquietudes que se deixan manexar polos listillos de turno, nin os listillos de turno son tan entregados como eran naqueles tempos.

Deixar crecer aos cidadáns e deixar crecer a cidade.

Deixen de manipular os pensamentos das persoas, por favor.