En Cea o galego ten sabor

c. paradela O CARBALLIÑO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

Nenos e profesores do CPI VIrxe da Saleta triunfan nas redes sociais

20 nov 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

¿Unha lingua ten sabor? E se é así ¿A que sabe? ¿Que ingredientes, aromas e esencias a compoñen para poder decantarse por ela e defender a súa calidade? Non parece unha tarefa fácil por moi bo catador que se sexa.

Con todo, no Concello de San Cristobo de Cea, a terra por excelencia do pan en Galicia, téñeno máis que claro, ¡clarísimo! Non hai máis que darse un mínimo paseo polas redes sociais nestes días para saber que en Cea, no CPI Virxe da Saleta, por obra e graza de cento cincuenta alumnos e trinta profesores, a lingua galega sabe a pan. ¡Sen máis e sen menos!

Un lipdub (un vídeo musical no que os protagonistas fan playback mentres soa a música nun reprodutor móbil dunha canción popular e que é costume realizar nunha soa toma) feito no centro escolar a finais do pasado curso en defensa do galego estao «petando» na rede.

Os instigadores do famoso vídeo son Carmen Fernández, a profesora de infantil, que tivo a idea inicial; Martiño Ramos, profesor de primaria e infantil, que se encargou de adaptar a letra e de todo o apartado musical; e dun terceiro profesor, David González, que se encargou da rodaxe e da montaxe, cun éxito lles sorprendeu e que lles está convertendo no punto de mira dos internautas.

Todo o seu esforzo e dedicación unido á cooperación e colaboración do resto de membros da comunidade escolar de Cea fixeron posible que unha actividade da fin de curso 2010-2011 lles convertera en merecidos protagonistas do inicio escolar do 2011-2012.

Cunha versión de Sweet Home Alabama de Lynyrd Skynyrd, que popularizou no seu día Siniestro Total como Miña Terra Galega, e sobre unha idea de Álvaro Cunqueiro, naceu a letra de A Lingua Sabe a Pan, que contou coa participación dos músicos Pedro Feijoo e Charly Lincoln que gravaron e produciron nos estudios Muu! de Vigo.

David González recoñece que os nenos están felices logo dun curso escolar difícil, o pasado ano, despois de que se incendiase o colexio días antes de empezar as clases e se puxese no punto de mira a un alumnado, que el define como exemplar: «Son boísimos estes nenos, de verdade, obedecen e tomárono moi en serio. É unha marabilla traballar aquí». A popularidade do vídeo supuxo unha motivación extra para os estudantes, con idades entre 3 e 15 anos, ao demostrar a súa capacidade de superación duns sucesos traumáticos para moitos deles.