Morre o patriarca das Letras Galegas

Francisco Fernández del Riego finou na tarde de onte na súa casa da praza de Compostela de Vigo, aos 97 anos de idade. Don Paco, que augurou que ía morrer co puro na boca, fumou o seu derradeiro cigarro hai tres días


vigo/la voz.

Francisco Fernández del Riego finou onte, aos 97 anos, na súa casa na praza de Compostela de Vigo, cidade na que residiu a meirande parte da súa vida, dedicada case en exclusiva á Fundación Penzol.

Ao coñecerse a noticia do seu deceso, numerosos persoeiros da vida cultural achegáronse á súa vivenda para dar o pésame á familia. Nos últimos tempos, o escritor xa non saía do seu piso e recibía constantes visitas dos moitos amigos que tiña, aínda que aos da súa xeración os enterrara a todos.

Don Paco, como todos o chamaban, era un adicto ao traballo e un home entregado á causa do idioma galego, a cuxo estudo consagrou toda a súa vida. «Traballando nunca me aburro», afirmaba. Del Riego dirixiu a Fundación Penzol dende 1963 e aínda hai pouco que acudía ao seu despacho diariamente, ata que os achaques da idade lle impediron continuar co seu labor.

De feito, non foi ata comezos deste ano 2010 cando foi relevado deste cargo, a proposta súa, por Francisco Domínguez Martínez, «un vello amigo, un home de profundos sentimentos galeguistas», dicía del.

Retranca

O ilustre galeguista mantíñase lúcido e a retranca estaba sempre presente nas súas conversas, pero cansaba deseguido, polos achaques da idade que xa non lle permitían facer o que máis lle gustaba: ler e escribir.

«Non deixei de ler un só día dende os 16 anos», adoitaba lembrar. Aínda así, gozaba dos seus costumes de sempre, fumar un puro e botar un trago de whisky despois de comer. Na súa última entrevista, publicada o pasado 17 de maio (precisamente o Día das Letras Galegas) en La Voz, prognosticaba que ía morrer co puro na boca, pero non foi así. Nancy, a muller dominicana que o coidou nos últimos anos, contou que foi hai tres días cando lle deu as derradeiras caladas a un cigarro. Despois xa non se sentiu con forzas nin para iso.

O derradeiro supervivente

Fernández del Riego era o derradeiro supervivente dunha brillante xeración de intelectuais galeguistas, que nos últimos tempos expresaba o seu desencanto: «Parece que Galicia como nacionalidade antes non existiu. Os que traballamos antes xa non contamos para nada. A min a política decepcionoume moito no seu proceso. Eu era un idealista pragmático, pero hoxe a política é outra cousa que eu non entendo».

O escritor, artífice xunto aos seus compañeiros de aventura no galeguismo (Ramón Piñeiro e Xaime Illa Couto) da posta en marcha da editorial Galaxia, cultivou todos os xéneros e, na súa opinión, xa recibira todos os méritos habidos e por haber.

«Xa fixen de todo»

«Eu creo que xa fixen todo. Fun das Mocedades de Galiza, do Partido Galeguista, non me beneficiei de nada, nunca tiven un posto público (un posto público pagado, naturalmente)», comentaba con humor.

Fernández del Riego, que impulsou a creación do Día das Letras Galegas, ingresou na Real Academia Galega en 1960, e presidiuna desde 1997 ata o 2001, deixa orfo o patriarcado das Letras Galegas.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Vigo

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
23 votos

Morre o patriarca das Letras Galegas