Lembranzas dunha infancia en Dacón

VIGO CIUDAD

18 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Se é certo que a patria do home é a infancia a de Paco Luis Bernárdez quedou trabada nas súas vivencias polas terras de Dacón, polo que entón era o mítico e engaiolante monte de Corzos -hoxe unha leira chantada de chalés e viais reventados polas raiceiras-, polos veráns de estadías familiares en Vigo e nas praias das Rías Baixas. A Francisco Luis Bernárdez (Bos Aires, 1900 -1978) a historia deixouno clasificado nas caixas de «poeta» e «diplomático», que o foi, e nos moitos proxectos e aventuras nas que tivo un protagonismo especial: na súa condición de xornalista, nas súas estadías no país de onde partiron os seus antergos -exerceu de xornalista en Vigo nos anos 20-, na súa condición de poeta ultraista, nos seus cargos de director xeral de Cultura, de responsable de bibliotecas, de cargo do ministerio de procedementos públicos e de diplomático.

Mais o escritor, xornalista e diplomático tamén foi un dos grandes protagonistas da historia da literatura arxentina do pasado século (Borges, amigo de aventuras xuvenís e literarias, sentou cátedra cunha afirmación rotunda: «Síntome feliz por ter plaxiado a Bernárdez») e un galego comprometido. Na lingua dos seus antergos, o seu bisavó foi alcalde de O Lago (Maside), escribiu Paco Luis Bernárdez varios poemas e durante anos foi colaborador de varias publicacións galeguistas e, entre outros feitos, é o autor dun discurso memorable que aínda se lembra: o seu «Discurso encol do idioma galego» (Ediciones Galicia, Bos Aires, 1953) foi un dos maiores alegatos a favor da lingua galega, da súa historia e a súa cultura. Ler, aínda hoxe, ese cativo libro, que se complementa con «Idioma y poesía gallega», de González Carbalho, é un lóstrego para calquera polo compromiso e defensa que Paco Luis Bernárdez fai da cultura «e do recio idioma de Galiza».

O sábado, na terra dos seus antergos, o neno Paco Luis voltará a Dacón para ser «fillo adoptivo» do Concello de Maside.