O libro en Galicia busca aliados na Rede para encontrar novos lectores
VIGO CIUDAD
A páxina ten xa catalogados no seu fondo cerca de un millón de títulos para consulta dos inscritos
02 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.A distancia entre o analóxico e o dixital está causando grandes inquedanzas no sector do libro. Os novos soportes e os novos formatos forman parte das especulacións sobre o futuro da lectura, aínda que quizais menos que como quedará configurada a estrutura económica do libro nos vindeiros anos.
Mentres unha parte debate o soporte sobre o que se lerá máis pronto que tarde, outras iniciativas buscan aliados electrónicos para ir mantendo o libro, tanto o físico como o dixital, en contacto cos lectores. En dez días presentarase en Vigo Redelibros.com, a primeira rede social exclusivamente dedicada ao libro posta en marcha en Galicia. A vocación deste espazo, que terá acto de posta en marcha o vindeiro día 12, é dobre. En primeiro lugar, pretende ofrecer todos os servizos das redes sociais tanto de facer comunidade como de mantela comunicada e, ao tempo, ofrecer espazo en liña para a venda destinado ás librerías pequenas.
Gonzalo Pérez, da Librería Cartabón, en Vigo, é un dos impulsores desta iniciativa que xa está operando en fase beta en www.redelibros.com e que ten máis desenvolvida a parte de comunidade que a de venda. O proxecto leva en marcha un par de meses e agora está na fase de sumar as librerías. Pérez explica que esta rede social é «un espazo que ten case un millón de títulos catalogados, de maneira que os membros da rede poden facer comentarios, recomendalos uns a outros, poden incorporar novos títulos ao fondo ou pedir opinións sobre eles».
A outra ocupación desta rede, na que está traballando agora tanto Pérez como o xerente, Xosé Rodríguez Lois, é un espazo de venda para as pequenas librerías de Galicia.
Ademais dos espazos propios das redes sociais, mensaxes, taboleiros, blogs, incluídos os xogos, esta web ofrece a posibilidade de que as librerías teñan o seu propio espazo en liña para vender libros. Tanto Gonzalo Pérez como Xosé Rodríguez sinalaron que a intención da rede «é darlle un lugar visible a librerías pequenas, que non poden manter un espazo web particular ou que buscan escaparates para as súas tendas electrónicas».
En Redelibros, ademais da información sobre todos os libros incorporados aos seus catálogos, está o espazo destinado ás librerías colaboradoras. Segundo Pérez, «estamos ofrecendo unha tarifa mínima, que rondará os cen euros ao mes, para que as librerías poidan vender a través da web».
Para completar haberá tamén un espazo destinado ás editoriais que queiran ter presenza directa, de maneira que os usuarios desta rede poidan acceder ás páxinas das editoras.