A regueifa pasou a páxina máis alegre da Praza dos Libros

V. C. CARBALLO/LA VOZ.

VIGO CIUDAD

Os carballeses animáronse a cantar e gozaron dun desafío entre catro mestres

29 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A Praza dos Libros de Carballo porá hoxe o punto final a catro xornadas de intensa actividade en torno á literatura. A cita vivirase de maneira moi especial, xa que se alimentará da animación propia do feirón de verán que arrancará desde ben cedo.

Pero as sesións de regueifas de onte xa se encargaron de vestir de cor a feira. Ademais das habituais presentacións e sinaturas das obras, as sesións de contacontos e os obradoiros e xogos populares que se prepararon para os máis pequenos, os carballeses que se achegaron ata o xardín municipal puideron gozar coa popular regueifa, dentro do cartel de actividades culturais complementarias que forman parte do Ciclo Trad, organizado por aCentral Folque. «Coa iniciativa tratamos de recuperar a tradición para achegala ao público», indicou Mauro Senín desde a entidade compostelana.

E vaia se o conseguiron. Para elo, a cita contou con demostracións en directo, a través dos populares desafíos regueifeiros, a presentación do libro O regueifeiro Celestino Álvarez Castro, de Xosé Manuel Varela, e unha serie de talleres orientados tanto para maiores como para os máis pequenos, nos que os mestres da regueifa explicaron as formas de construír as rimas tan orixinais e cheas de humor.

Luis O Caruncho e Bieito Lobariñas encargáronse de impartir eses obradoiros durante a mañá, e a acollida foi todo un éxito. A arte da improvisación acabou no padal de moitos participantes que, cun sorriso na boca, trataban de crear pouco a pouco os versos octosílabos baixo as indicacións dos expertos. Unhas clases que, pola tarde, tiveron unha sesión maxistral no desafío no que cantaron Suso de Xornes e Fermín da Feira Nova xunto aos outros dos artistas pontevedreses. Un encontro entre as escolas tradicionais de Bergantiños e de Vigo que fixo rir a gargalladas a decenas de veciños e visitantes.

A regueifa deu paso a unha mesa de debate titulada A lingua que queremos, no que participaron Goretti Sanmartín, Xosé Ramón Freixeiro e Luís Villares, que presentaron Lingua e futuro, Lingua de calidade e Estudos xurídicos sobre o decreto ara o plurilingüismo, respectivamente. O concerto dos Carunchos puxo o remate á xornada.