«Dáme moita pena deixalo, pero non podo máis, xa é dabondo»

Begoña Rodríguez Sotelino
B. R. Sotelino VIGO/LA VOZ.

VIGO CIUDAD

Fernández del Riego despídese dos lectores tras a publicación do seu derradeiro artigo no suplemento «Culturas» de La Voz

26 nov 2010 . Actualizado a las 22:26 h.

Durante sete anos, Francisco Fernández del Riego acudiu cada sábado á súa cita cos lectores a través das páxinas do suplemento cultural de La Voz. Onte publicouse o derradeiro texto do insigne escritor e intelectual galeguista que dedicou toda a súa vida a traballar en prol da lingua en campos diversos, que abarcan case un século de actividade incansable.

Del Riego cumpriu o 7 de xaneiro 97 anos e aínda que mantén lúcida a cabeza, o corpo gáñalle día a día a partida do ánimo ao escritor, académico e noutrora presidente da Real Academia Galega.

Hai dous meses, entrevistado neste mesmo xornal con motivo do Día das Letras Galegas, data que impulsou frutificando en 1967 a súa primeira edición, o autor recoñecía que xa non podía escribir, ler nin ditar textos literarios, porque dese xeito non pode coidar o estilo como lle gusta nin pouco máis que loitar contra o paso do tempo con humor e o cigarro puro que non perdoa.

Non pretendía enganar a ninguén. O que tamén foi director da Fundación Penzol en Vigo desde 1963 -posto que deixou a principios deste ano- contaba que cando empezou a decatarse de que a súa saúde ía deteriorándose, comezou a amorear artigos para non faltar ao seu compromiso. «Son textos que fun reservando, previsor. Fun escribindo un artigo cada dous días, ata que vin que xa non podía. Agora, cando se acaben, acabouse», anunciaba na súa última entrevista. E o momento chegou. Del Riego despediuse dos lectores cun artigo titulado de De Xian Sorel ao vermello e o negro. Curiosamente, naquela entrevista co gallo do 17 de maio, a edición do texto levou por diante a resposta á pregunta sobre a súa obra literaria favorita, a novela que máis botaba de menos non poder ler de novo, ou unha e outra vez, agora que a vista llo impide e que non lle atopa o mesmo pracer se son outros os que len. A resposta foi en francés: Le rouge et le noir . É dicir, Vermello e negro , de Stendhal, o tema que deixou de último para dicir adeus na escrita.

Dende marzo do 2003, o escritor abordou os máis variados temas, sobre todo tratou de ofrecer as súas sabias e ponderadas reflexións e lembranzas nos campos da literatura, etnografía e arte, abarcando o ámbito galego, pero tamén nacional e internacional, como amplo coñecedor da cultura universal.

Pero Fernández del Riego é autor de numerosas publicacións, é o impulsor de moitas actividades culturais, un home comprometido cos seus amigos, moitos deles ilustres, e un apaixonado por Galicia que firmou co seu nome ou baixo pseudónimos como Salvador Lorenzana miles de artigos en xornais e revistas de América, Galicia, Madrid ou Cataluña, ademais de libros de divulgación referentes a temas galegos, creación, libros de memorias e tamén de viaxes.

Os achaques impídenlle atender como facía sempre a todos os que o queren, e aínda así, ás veces os recibe a pesar do esgotamento que lle provoca o agarimo benintencionado. Esta mesma semana quixo despedirse, aínda que fose vía telefónica, dos que lle reclaman máis do que el sente que pode dar: «Dáme moita pena, pero son 97 anos os que teño e moito sufrimento. Dáme pena pero xa non podo máis. Xa é dabondo. Caín en picado», dicía presa dunha recaída da súa saúde. Cóidese, Don Paco, que aínda hai que soprar as cen velas. Como mínimo.