Vigo comanda a rebelión

VIGO CIUDAD

03 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A batalla de Pontecesures ten sido un éxito. As tropas galegas fixeron moitas baixas aos franceses, que se viron na obriga de retornar ao Norte, vendo que a provincia de Tui é xa case infranqueable. Vigo lidera a rebelión, co gobernador Cachamuíña dictando ordes a diversas vilas para que se subleven e administrando a axuda británica que chega por mar á ría viguesa.

O lume da rebelión prende con forza, e a sublevación esténdese agora polo Norte de Galicia, dificultando a represión organizada polo mariscal Ney. Trunfa o dito, común nestes meses, de que ningún galego fai o día se vai deitarse sen ter matado, cando menos, a un francés.

Decidido a esmagar a rebelión, o mariscal Ney dicta ordes terminantes. Nun bando datado na Coruña a mediados de abril, escribe: «A xurisdicción en cuxo distrito se cometese un asasinato será responsable... Imporáselle unha contribución de douscentos mil reais, e as tres persoas de máis consideración serán arrestadas e castigadas como reos, de non atopar aos verdadeiros culpables (..) As vilas nas que non se atopen habitantes serán queimadas; e calquera home que fose collido coas armas na man, vestido de paisano, será pasado polas armas». Tamén queda prohibido tocar as campás, agás para oficios relixiosos. Se os franceses sospeitan que o son das badaladas pretende advertir da chegada das súas tropas, as igrexas serán queimadas.

Cando o Duque de Elchingen é informado de que algúns alcaldes deixaron saír aos seus cidadáns para incorporarse aos exércitos espontáneos que se están a crear en Galicia, Ney dicta novas normas: «Todo alcalde, xuíz ou maxistrado responsable, será xulgado como embaucador e pasado polas armas, os seus bens confiscados e vendidos, e o producto entregado na intendencia do Reino».

Baixo estas ordes, entendemos ben a crueldade con que se empregou o sanguinario xeneral Maucunne, na súa expedición desde Santiago ata Tui en apoio do xeneral Lamartinière. As violacións, asasinatos e queima de vilas enteiras, como aconteceu no municipio de Redondela, só se poden entender cando existen decretos que protexen estas accións criminais. A guerra en Galicia xa acadou a súa máxima crueza, e galegos e franceses saben que, nun bando e outro, a vida do inimigo xa non será respectada.

Pero a diferencia principal, chegado maio, é que a guerrilla galega está a converterse nun verdadeiro exército. Mal armado, integrado por voluntarios, pero estamos ante unha forza de guerra que xa ven de baterse en campo aberto contra os franceses en Pontecesures, causando numerosas baixas ás tropas napoleónicas.

Vigo comanda a rebelión. É na vila olívica onde se reúnen os comandantes, onde se forma ás tropas, onde se recibe a axuda británica que chega regularmente en barcos. Así a todo, este exército está espallado por un amplo territorio que vai desde o Baixo Miño ata o Ulla.

O nome da forza é «División do Miño» e está formada por uns sete mil homes, producto da integración de diferentes unidades. Está o Rexemento de Lobeira, con dous batallóns de 700 voluntarios ao mando de José Joaquín Márquez. Destaca, tamén, o rexemento La Unión, con 2.000 paisanos comandados por Pablo Morillo.

Outro heroe da Reconquista, o capitán Colombo, dirixe o rexemento de La Victoria, tamén chamado La Muerte. E o batallón do Morrazo, mandado polo capitán Guijarro, xa ten unha estructura definida.

O batallón de Mourentán, chamado así en honor á escaramuza contra os franceses organizada polo abade de Couto, o bravo Mauricio Troncoso, está integrado por voluntarios de Ponteareas e do Sobroso. E as forzas se completan coa Compañía de Tiradores do Miño, que con somentes 150 homes destaca pola súa valentía e a súa pericia empregando os fusís.

En Vigo, sigue a temerse un contraataque de Ney que esmague a esta forza de voluntarios, cando aínda non se pode chamar propiamente un exército. É por isto que o gobernador de Vigo, Cachamuíña, dicta ordes para que se avive a rebelión no Norte de Galicia, de xeito que os franceses teñan outro lume que sufocar.

Coa axuda das fragatas británicas Endimion e Loira , érguense en armas os paisanos de Fisterra, Corcubión e as rías de Muros e Noia. Desde Santiago, o xeneral Marchand envía expedicións de castigo, que arrasan vilas enteiras, pegándolles lume.

Nas poboacións das Rías Altas, os paisanos vense na obriga de refuxiarse no monte. Os que quedan na casa son asasinados. Os que regresan atópanse coas cinzas das súas pertenzas.

Ademais, en Asturias iníciase outra sublevación, que obriga a Ney a desprazarse en persoa ao Principado para ver de «pacificalo», abrindo con isto outra fronte nunha loita que se está a converter nun inferno para os vencedores de Austerlitz e Marengo.

Pero a desgraza que viven as poboacións sublevadas está a facer un favor formidable á rebelión. A División do Miño, o exército galego, é cada día máis forte en torno a Vigo, e prepárase para empresas maiores. Mentres, os franceses, teñen que repartir os seus esforzos polo Norte, unha situación que se agravará a finais de abril coa sublevación na comarca de Lemos, que abre unha nova fronte na guerra de guerrillas.

Cando o mariscal Ney envía ao seu exército cara ao Sur, a enfrontarse aos galegos no río Ulla, é tarde. A principios do mes de maio, o signo da guerra está a favorecer a rebelión iniciada en Vigo e a provincia de Tui xa é para os invasores case que inexpugnable. Nos próximos días, Cachamuíña, Colombo e Morillo, desde Vigo, e García del Barrio, desde Pontevedra, comezarán a preparar accións máis audaces. A primeira será o asalto á capital do Reino, Santiago, que goberna Marchand e onde se atopa o sanguinario Maucunne, protagonista de terribles carnicerías desde o Ulla ata o Miño. En poucas xornadas, no Campo da Estrela, o salvaxe invasor pagará cumpridamente polos seus crimes.