Unha nova aventura de Frei Samuel

Lola Arxóns

VIGO CIUDAD

27 jun 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

NARRATIVA

«Veleno tinto»

Ramón Carredano Cobas. Colección Fóra de xogo. Edicións Xerais (Vigo, 2008). 186 páxinas.

En 2002, Ramón Carredano gañou o primeiro Certame Literario de Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos co relato Frei Samuel. Daquela, os que o lemos laiámonos da brevidade da narración e quedamos con ganas de coñecer outras aventuras deste peculiar personaxe co que o lector se encariña de vez.

O autor noiés non defraudou os seus seguidores, e seis anos máis tarde volve meter nunha boa lea este frade intelixente e raposeiro, amante da boa comida, da mellor bebida e das mulleres.

En Veleno tinto. Outra aventura de Frei Samuel, o monxe sandador do mosteiro de Toxosoutos vese involucrado, moi ao seu pesar, na investigación dun asasinato absurdo: un criado de don Rui Soga de Lobeira morre envelenado ao beber un grolo dunha xarra de tinto que, naturalmente, non era para el.

Ambientada na Noia do século XIV, a novela de Ramón Carredano reconstrúe con asombrosa fidelidade histórica non só a vila senón tamén as intrigas políticas dese momento crucial para Galicia.

Cun estilo directo, unha lingua coidada, sen digresións que poidan distraernos da trama, chea de humor e cun final sorprendente, Veleno tinto lese dunha sentada e déixanos outra vez a ansia de gozar dunha próxima aventura de Frei Samuel.