O PEN Clube entrega hoxe o Premio Voces de Liberdade a Díaz Pardo e Fernández del Riego

La Voz

VIGO CIUDAD

12 ene 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Dous nomes históricos da intelectualidade galega recollerán esta mañá na cidade de Vigo os terceiros premios do PEN Clube de Galicia Voces de Liberdade; son Isaac Díaz Pardo e Francisco Fernández del Riego, que foron elixidos por un xurado formado por Luís González Tosar, Úrsula Heinze, Gonzalo Navaza, Bieito Iglesias, María Camiño Noia, Marilar Aleixandre, Xesús Fraga, Román Raña e Xabier Castro (secretario con voz e sen voto).

O acto de entrega dos galardóns -ao que se espera que asistan uns 130 escritores, xornalistas, editores, tradutores e representantes da industria- terá lugar ás 12.30 horas no Hotel Los Escudos, en Vigo, xa que contan co patrocinio do Concello olívico, a través da Alcaldía, da Tenencia da Alcaldía e da Concellería de Cultura.

Os premios bianuais do PEN Clube non teñen dotación económica, e nas anteriores edicións recaeron en Bernardino Graña (2003) e Úrsula Heinze (2005).

A laudatio dos premiados correrá a cargo das profesoras e escritoras María Camiño Noia e Marilar Aleixandre, que farán un percorrido pola obra e méritos de Isaac Díaz Pardo -artista, escritor, articulista e ceramista- e de Francisco Fernández del Riego -intelectual, ensaísta, novelista e asiduo colaborador na prensa-.