Galaxia lembra a súa creación clandestina en Compostela

C.P. SANTIAGO

VIGO CIUDAD

PACO RODRÍGUEZ

A editorial radicada en Vigo fundouse nunha asamblea en xullo de 1950 Cincuenta anos dan boa conta do quefacer de toda unha vida. Son os que cumpliu a editorial Galaxia en novembro do pasado ano e os que está a celebrar e a compartir con toda Galicia coa exposición itinerante que hoxe chega a Compostela, a cidade na que se celebrou a asamblea clandestina na que se aprobou a creación desta empresa editorial, o 25 de xullo de 1950.

08 ene 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

A exposición que se inaugura esta tarde no pazo de Fonseca, Palabras para un país: 50 anos da editorial Galaxia, reúne documentos, fotografías, portadas de libros, carteis e informes da censura que marcaron a historia da editorial Galaxia e, de paso, da unha visión da evolución social e cultural de Galicia. A mostra estará aberta en Fonseca ata o 28 de xaneiro. Os carteis explicativos e a ampla documentación gráfica e visual que compoñen esta exposición permiten reconstruir e coñecer as orixes e a evolución dun proxecto cultural que naceu con un claro afán político diante da necesidade de enfrontarse a evidencia de que o franquismo asentaba as súas estructuras dictatoriais. Galicia precisaba preservar as súas siñais de identidade cultural e reafirmarlas na cultura universal. Pero sobre todo, intentar espallar a cultua e a lingua galegas entre as novas xeracións. O grupo de intelectuais novos que impulsaron a idea de crear a editorial Galaxia, entre eles Ramón Piñeiro, Francisco Fernández del Riego e Xaime Isla Couto, o equipo básico e fundamental que gobernou Galaxia, eran membros no Partido Galeguista, daquela ilegal. Contaron co apoio de personalidades da cultura como Ramón Otero Pedrayo, que foi o primeiro presidente da editorial, cargo que ocupou ata 1976. Ramón Cabanillas, empresarios como Álvaro Gil e arquitectos como Manuel Gómez Román. Ademáis de Otero Pedrayo, Galaxia estivo presidida por Domíngo García-Sabell (1976-1980), Márino Dónega Rozas (1980-1996), e por Xaime Isla Couto, que ostenta o cargo na actualidade. A dirección da editorial ocupouna ate a súa morte Ramón Piñeiro, e sucedeuno Carlos Casares. Os proxectos editoriais de Galaxia incluen varias revistas, sendo a máis emblemática e antiga Grial, que no 1963 toma o relevo dos cadernos Colección Grial, que nacen no 1951 e dos que só publican catro ó ser prohibida. A Revista de Economía de Galicia, aparece en 1958 e deisaxe de publicar en 1968, trala creación da Facultade de Económicas en Santiago. Interesante, dedicada ás artes plásticas, e o Anuario de Estudios Literarios, son as últimas publicación periódicas.