Un médico heroico e un parto

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

TUI

23 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Neste 2019 cúmprense corenta anos do falecemento de catro importantes escritores, algúns extraordinariamente importantes no discurso literario galego. De abril a decembro de 1979 foron «durmir fóra» Luís Seoane, Darío Álvarez Blázquez, Celso Emilio Ferreiro e Eduardo Blanco-Amor. Os catro, cada un ao seu xeito, foron tamén voces cívicas actuantes e moi relevantes.

Sen dúbida, a menos presente onte e hoxe é a do doutor Darío Álvarez Blázquez (Tui, 30-9-1910 / Vigo, 7-6-1979), membro dunha das grandes familias literarias de Galicia. Era fillo de Darío Álvarez Limeses, militante de Izquierda Republicana e, como doutor na comarca de Tui, médico dos pobres e cidadán de filantropía machadiana. Os sublevados do dezaoito de xullo executárono o 31 de decembro de 1936, catro meses despois do fusilamento do seu curmán Alexandre Bóveda.

O fillo máis vello do doutor Álvarez Limeses, Darío Álvarez Blázquez, xa licenciado en Medicina no ano 1932, tivo que asumir, naquela familia orfa de pai, non só responsabilidades económicas indispensables senón tamén responsabilidades de índole moral de quen era o fillo maior de dona María Blázquez e o irmán de Celso, José María, Alfonso, Emilio e Álvaro, algúns moi novos. Fillo de médico fusilado, exerceu a Medicina, desde o verán de 1936, sempre baixo a lousa da delación política; aínda así foi capaz, polo menos nunha ocasión, de ir máis alá no exercicio profesional do que lle impuñan os seus deberes de fillo e de irmán.

Estamos ante un caso extra-ordinario, ignorado incluso polos cineastas, dramaturgos e novelistas interesados nos grandes aconteceres da memoria histórica. Protagonizouno a mestra republicana Josefa García Segret (Santiago, 1900 - Cesantes, 1986), viúva de Hipólito Gallego, mestre paseado en outubro de 1936. A señora García Segret simulou na prisión de Tui un embarazo que durou ata que, en xaneiro de 1937, cunha enxeñosa estrataxema, pariu unha «criatura» que o doutor Álvarez Blázquez certificou como «feto inviable», el que xa diagnosticara e certificara, catro meses antes, o embarazo da desesperada profesora, á que se lle conmutou a pena de morte. Existe un texto do propio doutor Darío Álvarez Blázquez co relato desta novelesca situación tocolóxica e unha carta de gratitude da señora Segret ao arriscado doutor. No papel desta carta figura unha nota manuscrita do doutor Álvarez Blázquez, que é de xustiza reproducir: «A esta mujer, que estaba condenada a muerte, le salvé la vida diagnosticando un embarazo. La indultaron y después abortó» (D.A.B.).