«Non precintei antes a pirotecnia porque non tiven o asesoramento debido»

Monica Torres
mónica torres TUI / LA VOZ

TUI

Oscar Vázquez

O rexedor de Tui, Carlos Vázquez, ordena a suspensión de actividade da empresa tras recibir unha multa coercitiva

06 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín (Converxencia 21), asinou onte a providencia para suspender a actividade da empresa pirotécnica La Gallega. Esta medida foi ordenada por sentenza do TSXG no ano 2015. O xuíz impúxolle ao rexedor, que leva nove meses no cargo, unha multa coercitiva de 1.500 euros por non executar esta orde, que comporta o derribo dunhas casetas e o precinto das instalacións por un problema de retranqueos. A pirotecnia é propiedade de Francisco Lameiro, investigado pola explosión dun zulo ilegal noutra parroquia no pasado mes de maio. Ambos procedementos xudiciais non gardan relación. Tanto a visita urbanística á pirotecnia como o precintado faranse entre o luns e o martes.

-Por que non se fixo antes?

-Porque é a primeira vez na que alguén me di con absoluta claridade que é o que teño que facer de forma inmediata para o cumprimento da sentenza; foi o asesor xurídico que se incorporou esta semana ao entraren en vigor os orzamentos. Hai que recordar que a sentenza é de xuño do 2015, e o precinto non foi executado nin por min nin polo anterior alcalde. Eu levo nove meses de alcalde e a documentación máis antiga é de 1932. A multa é un factor que está aí, pero é a primeira vez que me sinto asesorado. O que teño que facer e quero facer é acatar a sentenza de derruba, pero non tiven o asesoramento debido e entón non tiña claro como facelo. Incluso segue habendo contradicións entre o número de casetas que hai que derribar, un proxecto de demolición e mesmo un informe do arquitecto que lle pon obxeccións.

-Por que di que non se sentía asesorado habendo informes de funcionarios municipais?

-Eu teño o máximo interese en cumprir a sentenza da forma máis rápida posible, evidentemente, pero ata agora non tiven a ninguén que me dixera: «Tes que facer este papel que decrete o precinto inmediato e asinalo». O tema urbanístico é moi complexo e non teño tempo nin coñecementos. É fundamental subliñar que o expediente urbanístico ao que se refire a multa non ten nada que ver co lugar da explosión.

-Como alcalde non se sente asesorado polo departamento de Urbanismo? Só é nesta causa?

-Non. É en xeral. Todo o mundo en Tui sabe que o departamento de Urbanismo é un muro moi difícil de franquear que non facilita as cousas a ningún administrado e tampouco ao alcalde. Creo que vimos de moitos anos dun funcionamento moi deficiente do Concello de Tui, e a máxima expresión é o departamento de Urbanismo. Sobre todo é un problema de constantes contradicións entre uns e outros arredor do que hai que facer. É unha indefensión para os que non somos expertos en urbanismo.

-A oposición reclámalle que lle presente o expediente ao fiscal

-Todos os expedientes que constan no Concello relacionados coa pirotecnia foron entregados nun disco o día 13 de xullo aquí no xulgado de Tui, onde se instrúen as dilixencias pola explosión, e a Fiscalía ten pleno acceso.

-Cónstalle se hai actividade a día de hoxe na pirotecnia que vai precintar?

-Non me consta.

«Para poder reconstruír as casas é urxente que a Deputación firme un convenio»

O alcalde insiste en que «a prioridade son os veciños» e acordou suspender unha viaxe que tiña prevista esta fin de semana a Armenia para acudir á manifestación da plataforma en Pontevedra.

-Como están os veciños?

-Os das casas máis afectadas están, loxicamente, desconsolados e preocupados, e o tempo xoga en contra. Un constrúe moito a súa vida arredor do espazo físico que representa a súa vivenda e entón é un impacto moi grande. Recuperar a normalidade na zona máis afectada vai levar tempo. O reto máis importante é dar co encaixe urbanístico legal para reconstruír as casas. De aí a prioridade de que a Deputación firme co Colexio de Arquitectos o convenio ao que se comprometeu cos veciños para deseñar esta consolidación, porque o Concello non ten capacidade.

-Confía en que Madrid decrete a exención de impostos para que os veciños accedan ás axudas?

-Temos que seguir facendo presión para que o Goberno central decrete o que antes se chamaba zona catastrófica. É importante polas exencións fiscais para os veciños, pero hai tan pouco retorno que un xa ten serias dúbidas, por iso ideei accións reivindicativas como a acampada. É moi preocupante e esperamos que o Goberno central recapacite. Nós estamos completando unha administración paralela só para os afectados e investimos 350.000 euros na retirada do amianto. Hoxe coñeceremos o importe do desentullo, que agardamos asuma o Goberno, como prometeu.