Vivir con xitanos

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

TUI

25 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

E u non sería a mesma sen as veciñas que me traían pan de Zamora; sen as bragas que ás veces nos ofrecían no portal a cen pesetas cada cinco; sen aquela beirarrúa de palmas e flamenco; sen aquelas nenas que marchaban da escola un día e volvían outro ás agachadas coas barrigas inmensas de nais de doce anos a seguir tomando as chuches os venres pola tarde e a cambiar cromos de princesas.

Crieime orgullosa con eles e aprendín que os xitanos son un mundo inmenso que entende normas alleas cando lle convén, e no que cada vez gozan de máis mala prensa a extorsión e os negocios ilegais que acompañan os desterros, un costume tristemente habitual.

Por certo, que mentres seguramente vostedes nin sequera se decataron de que hai tempo que xa viven con algún xitano, eu mudeime a un barrio onde non hai xitanos, pero si galegos de clase media paseando o benestar en forma de roupa de marca.

Hai unha moza obrigada a parir un fillo que non quere; o dono do bar da esquina está sendo extorsionado polo que lle trae as cervexas, e unhas veciñas róubanme cada día o xornal.

Ah, e antes vivín nunha comunidade de paios que expulsou (legalmente) a un veciño homosexual seica porque tiña can. Non volvera ver os meus ex veciños ata o outro día, no bar do extorsionado, todos arredor do Telexornal escandalizándose porque a poli non pon orde entre os xitanos de Tui.

Penso a miúdo no meu infantil suburbio de xitanos e a súa tranquila sinxeleza de barrio.

(¿Servirá este artigo polo menos para que as miñas loirísimas veciñas volvan poñer este xornal ao felpudo de onde saíu?).