Carmela, unha cortadora de aire inolvidable en Tomiño

Pedro Rodríguez
Pedro Rodríguez TOMIÑO / LA VOZ

TOMIÑO

Cedida

Unha andaina en Sobrada recupera a historia dunha muller que salvou moitas vidas

25 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Un día, un home de Tebra (Tomiño) chamou á porta de Rosiña. Tiña unha terrible dor na perna. A muller colleu as súas herbas e revisou a ferida. Estaba moi mal. A infección podrecera a pel e o óso estaba a vista. «Querían cortarlle a perna», lembra a historiadora, Natalia Jorge. Rosiña diagnosticou que o seu mal foi provocado polo aire de toupa. Cortou a pezoña co coñecemento adquirido de xeración en xeración e tras moito tempo o veciño de Tebra curou. Eran os anos 70 e estaba muller ocupaba o oficio que lle legou a Carmela, unha muller imprescindible na historia de Sobrada da primeira matade do século XX, e sobre a que a historiadora Natalia Jorge centra unha andaina que comeza ás 16.30 no Cultural de Sobrada este domingo. Alí estará acompaña de Carme, neta de Carmela, a muller que creceu nunha casa na que se sandaron moitas vidas.

«Ela era curandeira, parteira, compoñedora de ósos, muiñeira e unha muller que sacou adiante co seu traballo a toda unha familia», explica Natalia Jorge. O domingo Carme lembrará a súa avoa diante do muíño que mercou co seu esforzo Carmela, o edificio que tras moito traballo deu de comer a unha familia de dous fillos: Daniel, o pai de Carme, e, tamén, Rosiña, que foi adoptada pola curandeira. Para mercar o muíño pediu diñeiro prestado aos seus irmáns emigrados en Cádiz. «Devolveu ata o último centavo», lembra Natalia Jorge, que indica que Carmela tivo que sumarse ao estraperlo para poder conseguir os cartos.

Ela non cobraba nada por axudar nos partos ou curar os malos aires aos veciños. Era un servizo público nun tempo non que había un sistema sanitario e no que aínda non chegara a penicilina. A Carmen e outras tantas mulleres eran as que sabían curar e axudar os enfermos. Tiñan no seu maxín un coñecemento ancestral de herbas que salvaron moitas vidas. «Estas mulleres merecen que as lembremos. Hai que dignificar o seu traballo e o seu mérito dentro da sociedade galega», insiste Natalia Jorge, que lembra que a historia de Carmela tamén pode ser a de outras tantas mulleres de toda Galicia.

A cortadora de aire de Sobrada era moi respectada en todo Tomiño e tiña a fama ben merecida. «Ela era a que chamaban nos partos máis complicados», lembra a historiadora. A veciñanza respondía ao seu traballo cos agasallos que puideran permitirse. Carmela nunca pedía. Ela amañábase co que podía sacar das horas e horas que pasaba traballando nos seus dous muíños, o que mercou cos cartos prestados e o que adquiriu despois. Natalia Jorge lembra que ata o cura, o home con máis poder na parroquia no tempo no que Carmela exerceu, regaloulle un libro que levaba cando ía xunto a xente que estaba a morrer.

Carme, a súa neta, lembra sempre a súa Carmela, sobre todo, cando está onde o muíño que lles deixou. Ela pasou sete meses enteiros ao pé da súa cama cando estaba enferma. Un ano despois da súa morte, Carme casou cun home ao que Carmela axudará nacer. Un de tantos. Toda Sobrada está chea de memorias da curandeira que, co tempo, van desaparecendo. A máis grande, o seu muíño, hoxe está tomado por unha maleza que crece protexida por unha lexislación «que non prioriza o patrimonio e que dificulta a súa restauración», lamenta Natalia, que insiste en que «estamos a perder un legado dun valor incalculable e esta situación está a pasar noutros tantos lugares de Galicia», conclúe Natalia, a historiadora que descubriu das maiores o saber de cortar o aire.