Os mellores estudantes de bioloxía, no xeoparque Montañas do Courel

Carlos Cortés
Carlos Cortés MONFORTE / LA VOZ

SALCEDA DE CASELAS

Seis alumnos seleccionados polo colexio de biólogos pasaron a fin de semana na zona

17 jun 2026 . Actualizado a las 09:25 h.

Seis dos mellores estudantes de bioloxía de Galicia participaron esta fin de semana nunha visita especializada ao Xeoparque Mundial da Unesco Montañas do Courel, o primeiro declarado en Galicia. Son os alumnos de bacharelato e ESO que gañaron a fase galega da Olimpiada Española de Bioloxía e foron convidados polo xeoparque e seleccionados polo colexio oficial de biólogos de Galicia. Os responsables do xeoparque explican que o obxectivo era que estes novos talentos científicos afondasen no coñecemento do medio natural da man de expertos.

Na categoría de bacharelato, os gañadores da fase galega da Olimpiada Española de Bioloxía, celebrada en febreiro na facultade de bioloxía da Universidade de Santiago, foron Sergio Rodríguez, do IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas; Le Zhou, do IES Xulián Magariños de Negreira; e Cecilia Fernández, do colexio Obradoiro International School da Coruña. Os tres representaron posteriormente a Galicia na fase estatal, desenvolvida en marzo na Universidade de Cantabria.

Cecilia Fernández asinou ademais a mellor cualificación en Galicia nas Probas de Acceso á Universidade (PAU), un recoñecemento que compatibiliza coas súas tamén boas dotes de violinista.

En canto á categoría de ESO, cuxa fase final tivo lugar hai dúas semanas no propio xeoparque, participaron na visita Carmen Suárez e Diego Castro, do colexio Santa María del Mar Jesuitas da Coruña; e Uriel Moral, do instituto ES Lauro Olmo do Barco de Valdeorras, que obtivo a mellor participación individual.

O grupo estivo acompañado polos docentes encargados da súa preparación para as olimpiadas e, nalgún caso, polos seus familiares.

A visita comezou no Museo Xeolóxico de Quiroga, onde os estudantes foron recibidos polo alcalde de Ribas de Sil e presidente do xeoparque, Roberto Castro; o xerente do colexio de biólogos, Pablo Fernandes; e os delegados en Galicia da Olimpiada Española de Bioloxía, Monse Ulloa e Luis Fernández.

Nesta fin de semana, o alumnado percorreu diferentes puntos de interese do xeoparque Montañas do Courel, como a dobra de Campodola, a fervenza de Vieiros, o meandro da Cubela e diversos lugares con pegadas do pasado glaciar. O percorrido foi guiado polo xeólogo Roi Sampedro. Os participantes tiveron ademais ocasión de identificar diversas especies de orquídeas e outras plantas da man do biólogo Marcos Reinoso, e coñeceron a minería aurífera romana guiados polo propio Roberto Castro.

O equipo de docentes de Bioloxía e Xeoloxía acompañou en todo momento os seis estudantes, que valoraron como un privilexio poder compartir dous días con especialistas de tan alto nivel nunha experiencia practicamente personalizada. Entre os aspectos que máis lles chamaron a atención, destacaron os miradoiros, a emoción de atopar e identificar distintas especies de orquídeas silvestres e o descubrimento da fervenza de Vieiros. Antes da despedida, o grupo tamén desfrutou da praia fluvial de San Clodio.

 

O himno en Montefurado

A estudante Celia Fernández escolleu Montefurado como o seu lugar favorito da visita. Alí, cun violín que lle prestou por uns intres o presidente do xeoparque interpretou unhas notas do Himno Galego. Foi o broche musical a unha fin de semana que combinou ciencia, natureza e emoción.