David Amor: «Rir nunca sobra nin lle fai mal a ninguén»

SALCEDA DE CASELAS

La Marela

O pontevedrés presenta o seu novo espectáculo «Love está en el aire», mañá no auditorio municipal de Salceda de Caselas

29 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Poucos haberá en Galicia que precisen presentación de David Amor. Porque o terán visto nun dos seus monólogos nun bar, porque riron coas súas historias no teatro ou porque entrou na súa casa a través da televisión, en diferentes series ou programas. O actor e humorista pontevedrés está de volta aos escenarios, e faino cun novo espectáculo, Love está en el aire. Mañá ás 20.00 horas estará no auditorio municipal de Salceda de Caselas. As entradas poden conseguirse en Ataquilla.com ou na billeteira desde unha hora antes da función. Custan 10 euros.

-Di a información do espectáculo que os aeroportos son a súa paixón, como vai iso?

-Realmente o dos aeroportos é un leitmotiv dos meus espectáculos. Como me movo moito por traballo e ando sempre viaxando, é xa unha seña dos meus espectáculos. Pero non hai unha temática específica deles, é só unha escusa para rir un rato.

-Un texto escrito mentres vía a tele.

-Cando un escribe un texto, fala do que lle chama a atención ou o que lle gusta. Eu neste falo de moitas cousas e unha delas é a tele, porque hai cousas moi interesantes que ver na tele, e falo das que me gustan ou as que creo que hai que ver.

-E que hai que ver na tele?

-Para sabelo hai que ir ao espectáculo. Se o conto, a xente non vai (ri). Sempre hai algo bo para ver, hai que saber buscarlle a volta. E iso é o que fago eu, buscarlle a volta a todo. É un espectáculo positivo, de humor branco, que é o que fago eu.

-Fainos falta rir despois de tantos meses de pandemia, non?

-E cando non fai falta rir? Cando non vén ben? Cando está ben, rindo aínda estás mellor. E se estás mal, venche ben botar unhas risas. Rir nunca sobra nin lle fai mal ninguén. Non se pode estar na pena diaria, porque senón estaríamos afundidos.

-Como está sendo a acollida?

-Moi ben. A xente pásao ben e eu tamén o estouno gozando moito. É unha sensación rara, é como se fose unha peza de artesanía. O anterior espectáculo xa o lanzaba de carrerilla, e este estouno paladeando máis. Non sei se é máis gracioso, pero eu gózoo máis. Vai máis mimado en cada parte.

-É coñecido tamén pola a súa faceta deportiva, xogando ao balonmán. Que foi diso?

-Este ano xa non xogo, estou retirado de maneira definitiva. Bueno, de maneira definitiva polo de agora (ri), porque nunca se sabe, a vida dá moitas voltas. Xa estaba retirado fai dous anos e volvín a temporada pasada para xogar no Carnes do Ribeiro (de Ribadavia, en Primeira Nacional). E a verdade é que o pasei moi ben. Pero agora como vamos recuperando o traballo, e normalmente as funcións son as fins de semanas, non podería acudir con regularidade a xogar aos partidos, que son eses días, así que non me parece xusto estar se non podo ir.