As células sonoras de Roberto Oliveira

O músico revalida a súa aposta polo minimalismo no novo disco «Argana»

O músico Roberto Oliveira, nun concerto que ofreceu no escaparate dunha tenda
O músico Roberto Oliveira, nun concerto que ofreceu no escaparate dunha tenda

redacción / la voz

A espiña dun peixe forma parte da imaxe de Argana, o novo álbum de Roberto Oliveira (Salceda de Caselas, 1979), e tamén actúa como metáfora dos temas que contén: un esqueleto, estrutura e soporte, que busca o esencial da música, primando a máxima expresividade cos mínimos elementos. O intérprete e compositor defíneo como «un disco de música electroacústica cunha estética totalmente minimalista, para percusión e diferentes manipulacións electrónicas».

En Argana entran en xogo instrumentos de percusión de son indeterminado, entre os que se contan cencerros alpinos, bloques de madeira de distintas afinacións e diferentes medidas de tambores de pel, que achegan «rasgos rítmicos e incluso tribais», en palabras de Oliveira, que quixo «xogar ao máximo coas construcións e deconstrucións métricas». Con eses elementos mínimos, o percusionista constrúe «complexas células sonoras, métricas e rítmicas».

Argana presenta sete pezas, tres do propio Oliveira. As outras catro apuntan á dimensión internacional do proxecto: son os compositores Andy Pape, de Dinamarca; o arxentino Carlos Passeggi, o francés Pierre Jodlowski e o norteamericano Thad Anderson. «Aquí contamos con varias xeracións de compositores de música electroacústica de altísima calidade e repercusión», sostén o músico galego. «E o vigués Enrique X. Macías foi un deses autores que nos finais dos anos 70 realizou manipulacións electroacústicas, conseguindo forxar un catálogo de obras amplo, interesante e arriscado ao mesmo tempo», engade. 

Distintos camiños

Á hora de compoñer, cada camiño ata o resultado final é diferente. Un tema tanto pode empezar sobre o papel como cun instrumento, como aconteceu en Argana. «Como tiña clara a idea de que quería xogar con construcións métricas, pois iso, púxenme a xogar e, a medida que fun xogando, fun escribindo en papel e incluso gravando, para probar e certificar que esas construcións e deconstrucións funcionasen e fosen perceptivas auditivamente». «Argana e un baile de números, hai obras que teñen como espiña dorsal combinacións numéricas e hai outras que parecendo unha combinación numérica non deixa de ser un ritmo non cambiante sinxelo que simplemente se despraza de lugar creando unha falsa combinación mais complexa», describe.

Oliveira ten previsto presentar o seu novo traballo no auditorio da súa vila natal este venres ás 20.00 horas. O directo é unha parte fundamental da experiencia da súa música, que cualifica de «concerto multisensorial», xa que o sonoro dialoga tamén co visual, por exemplo, a través de videoproxeccións. «Toda a montaxe de instrumentos de percusión, a iluminación, as videoproxecións, forman un espectáculo altamente visual, pero tamén de moita textura sonora», anticipa o intérprete, quen recoñece que a saída de Argana pasa por un momento difícil por mor da pandemia. A idea inicial era crear tamén un «proxecto educativo para todos os públicos», concepto que agora está en proceso de ver se se reestrutura ou non. «Desafortunadamente, toda a crise derivada do covid1-9 fulmina a base do proxecto, que é a de interactuar co público xerando células métricas xuntos en escena», admite.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Vigo

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

As células sonoras de Roberto Oliveira