Chapela ratifica a súa condición de favorita na Bandeira de Traiñeiras Concello de Vilagarcía
REDONDELA
Triunfo das tripulacións feminina e masculina redondelás na véspera da regata provincial
21 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.A Bandeira de Traiñeiras Concello de Vilagarcía tinguiuse onte das cores do Club de Remo Chapela. As tripulacións feminina e masculina de Redondela fixeron boa a súa condición de favoritas ao triunfo nas aguas que bañan a praia vilaxoanesa do Preguntoiro, coa embarcación de mulleres facéndose coa enseña da sexta edición e a dos seus compañeiros de club coa trixésimo primeira masculina.
Elas foron as primeiras en competir. Cun sistema de dúas quendas e clasificación por tempos, Chapela fíxose coa vitoria cun crono de 10 minutos, 59 segundos e 76 centésimas, sete segundos menos cos 11.06,99 de Tirán. Amegrove, na mesma quenda, completou o podio en 11.09,12. Na primeira saída ao mar, Cabo de Cruz fora a mellor das tres tripulacións en lid, empregando 11.29,07 para completar o trazado, lonxe dos 11.37,42 de Rianxo e dos 11.47,26 de Esteirana.
De novo Chapela marcou o mellor tempo das dúas quendas masculinas, no seu caso, notándose ben a ausencia do outro bote galego na Liga ACT 2026, Ares. Só que no seu caso, impoñéndose en 20.01,18 por diante do CR Mecos, con 20.13,31, atopando na quenda anterior o segundo mellor tempo, na bancada de Tirán, con 20.12,34. Completan a clasificación Cabo de Cruz, cuarto en 20.21,26, Samertolameu, quinto en 20.26,11, en ambos os dous casos, remando na quenda de honra con Chapela e con Mecos, Rianxo, sexto en 20.30,45, Bueu, sétimo en 20.34,51, e Puebla, oitavo en 21.03,31, ocupou o último lugar.
As traiñeiras da provincia de Pontevedra volverán bogar esta mañá, desde as once en augas de Meira (Moaña), nunha Bandeira Deputación á que asistirán os dous barcos da banda sur da ría de Arousa presentes onte en Vilaxoán: o masculino do CR Mecos e o feminino de Amegrove CR. Será a última pedra de toque antes do inicio, a vindeira semana, da Liga Galega de Traiñeiras.