«No fútbol todo é para onte e un adestrador o que necesita é tempo»

x.r.c. VIGO

REDONDELA

M.MORALEJO

Na súa volta, en tres semanas sacou ao Coruxo do descenso con psicoloxía e ritmo

21 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Como en Coruxo, en ningún sitio. Jacobo Montes Couñago (Redondela, 1977) volveu nunha situación crítica ao club do Vao logo de experiencias negativas no Celta B e no Guijuelo e, en tres semanas, sacou ó equipo do descenso remontando cinco puntos. Con moito traballo psicolóxico para recuperar aos xogadores e dándolle máis ritmo ó equipo.

—O seu é un exemplo práctico de chegar e encher?

—A verdade é que si. Saíu todo rodado: tres partidos, sete puntos, portería a cero, os dianteiros fan goles... Foi o comezo desexado. Agora temos que darlle continuidade no tempo e que non sexa flor dun día.

—Cales son as claves para que o equipo dese este troco radical.

—Por enriba de todo, fixemos un traballo psicolóxico moi importante. Creo que cambiou a mentalidade do futbolista, porque durante estas dúas semanas e media fixemos moito traballo mental individual e a nivel colectivo e intentamos aportar máis ritmo, tanto ofensivo como defensivo, ser un pouco máis verticais. Agora temos tres semanas para o seguinte partido e imos seguir implemetando cousas para moldear máis o equipo ao noso gusto.

—Que importancia ten non encaixar un gol dende que chegaron?

—Diría que toda. Para construír calquera proxecto, hai que empezar pola base, e aquí a base é esa solidez defensiva que polo de agora estamos amosando e que nos fai crecer noutras facetas coma o contragolpe.

—Tirou tamén de pezas coñecidas (cambio na portería, a volta de Manu ao lateral esquerdo...)

—Nós chegamos un xoves e tres días despois xogabamos unha final contra o Arenteiro. Valorando como adestrou o equipo e a situación, creo que era un escenario no que había que tirar de experiencia, de xente comprometida e de xente que tivese un poso na categoría. Esas foron as primeiras decisións, o rendemento do equipo foi bo e agora hai que darlle continuidade ata que cheguen os malos resultados. No fútbol todo é cíclico.

—Trocaron a mochila da responsabilidade pola ledicia?

—Os xogadores son os mesmos, onde non chegan as pernas, chega a cabeza. Se o futbolista se volve sentir futbolista, está ledo e as cousas empezan a saír ben, todo flúe mellor, como que hai máis enerxía positiva. Verte fora deses postos de descenso aínda que a situación sigue moi apertada en poucos puntos, miras as cousas doutro xeito. Nós collemos o equipo a cinco puntos da salvación, agora conseguimos sacalo e queremos darlle continuidade na segunda volta.

—Están a seis puntos do play off, aínda están a tempo?

—Creo que sería imprudente pensar en cousas tan altas como o play off a estas alturas. É certo que o obxectivo inicial do club ía máis cara a zona alta que á baixa, pero non podemos esquecer de onde vimos. O equipo pasouno moi mal, debemos ir pouco a pouco e o primeiro é consolidar unha posición fiable onde non pasemos apuros e logo, por abril, será o momento de ver se podemos aspirar a algo máis. Antes de nada temos que ir escapando pouco a pouco da queima do descenso.

—Á marxe do Choco, o Coruxo é o seu lugar no mundo?

—Parece que si. Un vai collendo experiencias, pasa por moitos equipos e despois do Choco, que foi onde xoguei toda a miña vida e onde me fixen adestrador, si que é certo que no Coruxo hai unha sintonía moi boa. É un club moi familiar, onde te fan sentir querido e iso é moi importante, porque no fútbol todo é para onde e o adestrador o que necesita é tempo para facer o seu traballo e o Coruxo si que nos dá esa posibilidade.

—É negativo parar agora vendo o ben que estaban?

—A nivel colectivo, vén mal, porque cando estás nunha dinámica positiva, queres que se alargue o máximo posible pero sendo egoístas e pensando nos adestradores creo que é positivo, porque son semanas que vas gañando para implementar cousas ó que fai ben o equipo. É tempo que gañamos para ver un Coruxo máis competitivo do que vemos agora que é o obxectivo.

—Xogar en Fragoselo pode ter que ver neste espertar do equipo?

—Creo que si, porque para calquera club xogar nun campo onde non podes adestrar, como lle acontecía en Pardellas, é un déficit moi importante. A vantaxe que tes de local é que estas acostumado a adestrar nese campo e así na competición non che soa todo tan estraño. O campo de Fragoselo é de herba sintética, onde todo se iguala un pouco máis, pero si que estamos acostumados a adestrar alí.

—Volverán en xaneiro ao Vao?

—É o que desexamos todos, porque é o sitio onde o Coruxo ten que xogar como locatario. O seguinte partido na casa será o 23 de xaneiro contra o Cristo Atlético e temos que esperar se poder ser nesa data, senón seguiremos en Fragoselo.