Epílogo do esquecemento

Olaia González Abalo A VOZ DE BARBANTIA

REDONDELA

cedida

Olaia González Abalo é xornalista e dedícase á comunicación deportiva nun club de fútbol en Redondela e nunha radio de Jaén

27 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Como cada tarde agardaba a que o seu antigo reloxo de cuco cantase ás 16.00 horas. Sentada no seu avellentado sofá espremía os últimos minutos amosándose inqueda. Mentres tanto, o paxaro, fiel á súa cita, coa mesma puntualidade de hai medio século, acudía canso polo piar de toda unha vida. Aínda que en ocasións parecía resistirse a saír do seu niño, finalmente entoaba o cántico anxelical de todas as en punto.

Era entón cando ela se amosaba coma unha princesa vestíndose coas súas mellores galas. Á media hora da cita quería ter todo baixo control. De forte carácter e ruda personalidade, á súa avanzada idade era quen de pór toda a servidume a cen para que non esquecesen ningún detalle.

Unha vez todo listo, dirixíase ao espello para observar, con ricto serio, o seu elegante vestiario, que apenas mudaba tempada tras tempada. Só no momento no que se recoñecía, a seriedade desaparecía ao tempo que os seus beizos se tornaban en medio sorriso. Sinal aproveitado por todos os seus serventes, dos que case recoñecía o seu nome, a pesar de levaren ao seu carón toda unha vida; todos naceran naquela mansión. A sabendas de que, máis pronto que tarde, a amabilidade desaparecería, aproveitaban eses intres para amosarlle o afecto que lle tiñan, ben cun bico, cunha garatuxa ou cunha aperta. Pasada a emotividade, perdíase novamente nos seus pensamentos como aquela que tentase lembrar os ingredientes dunha receita.

Chegada a hora da súa visita diaria con convidados, que sempre acudían cunha puntualidade londiniense, xesto de cortesía, comezaba a conversa con quen xa consideraba parte da súa familia. E así pasaba todas as tardes da semana falando de forma distendida no salón da súa casa, ornamentado con mobles vitorianos que non deixaban indiferente a ninguén. As conversas variadas e, até algo variopintas, sempre xiraban en torno á vida de quen ela consideraba a alta sociedade. Era unha muller moi participativa. Falaba de todos sen pelos na lingua, opinando incluso sobre temas que poderían parecer perniciosos. E así pasaba as horas Manuela, sentada en fronte do televisor, tendo por convidados aqueles que non coñecía máis que a través da pantalla, confundindo parentescos. Os seus fillos, únicos habitantes da casa, vivían resignados ao deterioro dunha mente que nun tempo, xa lonxe, fora tan prodixiosa. Entrementres ela conformábase coa felicidade que lle achegaba un mundo que non era o seu, porque o real arrebatoullo a enfermidade do esquecemento.

Olaia González Abalo

Xornalista vocacional, actualmente dedícase á comunicación deportiva nun club de fútbol en Redondela e nunha radio de Jaén.