«Temos que equilibrar a economía, pero somos unha confraría punteira»

Monica Torres
mÓNICA TORRES REDONDELA / LA VOZ

REDONDELA

M.MORALEJO

O patrón maior máis novo da provincia anima a todos os socios a «remar xuntos» neste novo ciclo

16 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O cabido da confraría San Juan de Redondela proclamou hai unha semana ao patrón máis novo da provincia. Era Xoel López e tiña 31 anos. Na mesma semana, o novo responsable do pósito converteuse en pai, pero agora chámase Xoel Schwarzt e cumpriu os 32. A cinco días de ter que asumir o temón coa súa xunta directiva, o novo patrón xa puido facer unha análise da situación real da confraría para avanzar o seu proxecto. O seu mantra é «remar todos na mesma dirección», insistindo en que o seu proxecto «será o de todos porque todos han de ser partícipes».

-Estréase como pai e patrón?

-Si. Todo o mundo me lembra o conto de que os nenos sempre traen un pan debaixo do brazo. Aleixo naceu o 6 e a elección foi o 8, dous días dos meus aniversarios. É a semana que máis cambiou a miña vida, especialmente pola paternidade, está claro. Ademais, a nai e mais eu decidimos cambiarnos a orde dos apelidos, como discriminación positiva cara ás avoas e para manter os segundos, que eran menos frecuentes, polo que agora son Xoel Schwarzt. Foi un mes cheo de emocións.

-Sacou tempo mesmo para reunirse xa con todos os socios.

-Hoxe mesmo [por onte] reunímonos con todos os socios e despois a directiva para programar as prioridades. De momento, aínda hai unha xestora, pero o 21 xa estamos nós e somos un equipo moi ilusionado e esperanzado. Presenteime porque creo que podemos dar un xiro de 180 graos á confraría se traballamos todos e entre todos, con cordialidade e na mesma dirección.

-Cal é a situación económica?

-Realmente houbo unha baixada de ingresos de 500.000 euros entre o exercicio 2018 e o 2019, proporcional á diminución de socios. Os que se xubilaron venderon os seus barcos, pero os compradores fóronse a outras confrarías. Temos que conseguir equilibrar a economía, pero somos unha confraría punteira en todos os sectores. A miña liña vai ser a de escoitar a todos para que entendamos que é un proxecto común e transparente. Houbo esa caída de ingresos, pero non hai quebra, os números aínda seguen dando beneficios.

-Que prioridades ten?

-Un dos alicerces é o marisqueo a pé. Son 120 socios que dependen do estado do litoral e, se falla, a confraría quedaría baixo mínimo. A prioridade é recuperalo para poder poñer en marcha outras iniciativas, seguindo a economía circular. O marisqueo non depende da climatoloxía senón do estado do litoral e agora mesmo tiveron que reducir a actividade por unha falta de recurso que se debe, posiblemente, a unha incorrecta xestión.

-Xa arrancou tamén a campaña do polbo?

-Si, e de momento vai ben. Tamén manteremos o bosque submarino para a cría e tentaremos outros proxectos como viveiros para sementar ameixa. Confiamos en que remate tamén o furtivismo en Cesantes.