«Quitámoslle ás obras os elementos eróticos e tamén de crítica política»

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

REDONDELA

XOAN CARLOS GIL

A vila redondelá acollerá espectáculos na rúa ata o vindeiro domingo

24 ago 2017 . Actualizado a las 23:57 h.

Redondela vive ata o domingo unha nova edición do Festival de Cabaret, que dirixe o actor e bailarín Nelson Quinteiro.

-¿De donde veñen as propostas do festival?

-Botamos man de propostas artísticas complementarias. Temos xente que reside fóra, como José Carlos Illanes, que vén cun espectáculo propio, ou tamén as galas. Tamén tiramos moito da nosa propia compañía.

-¿Por que en Redondela?

?A sociedade civil redondelá é espectacular. O municipio ten festivais, como o de monicreques ou o de teatro de rúa, que son singulares. O Concello aposta por cousas diferentes e especiais, que logo teñen unha participación espectacular do público. Ademais, ten un bo equipamento.

-¿Como está a escena en Galicia?

-Feita uns zorros. Cando foi o momento da crise había moitísimas propostas moi apreciadas fóra, pero agora é máis difícil atopalas. Eu tamén o comprendo porque facer cabaré é unha cousa de tolos xa que ou ben as condicións son moi modestas ou se precisa un elenco e iso require estrutura teatral que é escasea en Galicia. Agora aquí estase tirando máis polo lindy hop ou tamén polo burlesque. Son modas. O que facemos nós, que entronca máis coa idea do cabaré clásico, é máis escaso.

-¿É non é unha contradición facer cabaré de día e na rúa?

-É cen po cen na rúa e cen por cen para todos os públicos. Si hai unha contradición porque o cabaré é nun espazo pechado e nocturno, pero nós facemos un festival na rúa e para todos os públicos. Co factor espazo, creamos a sensación de que estamos nun cabaré a través de elementos simbólicos que levan ao espectador cara iso. Logo, si que retirámoslle o elemento político e o erótico, pero o facemos por decisión propia para que o podan ver todos os públicos. Eu quería contar con propostas que celebren a vida e a alegría de vivir. Xa se falou moito de política, prefiro falar do arte, o amor e a beleza.

-¿Que destacaría no que queda de programa?

-Queremos que o domingo sexa un broche de ouro. Traemos unha proposta francesa que se chama La Marinière. Teremos pintura ao vivo con Alba Troiteiro; un espectáculo de clown, a José Carlos Illanes. Vai ser o día principal do festival. E remataremos ofrecendo champán e chocolate aos espectadores.

Ficha personal. Nado na vila de Cangas no ano 1979, é coreógrafo, cantante, actor, bailarín, escritor, produtor e director de escena por vocación. En 2006, creou o Festival de Cabaret de Galicia, un escaparate de música, danza e teatro que agora chega a súa décima edición. Dirixe a súa propia compañía.

Nelson Quinteiro aproveitou a xornada de onte para presentar a súa proposta de manual de cabaré contemporáneo.

-¿De onde xurde a necesidade?

-Dende que empecei a traballar no cabaré botei de menos un manual no que se sinalase cales eran as ferramentas que debía ter un actor, un bailarín ou un cantante para facer cabaré. Eu parto da premisa de que a evolución do cabaré na historia ía cara á revista ou ao espectáculo de variedades que remata na televisión. Nese sentido sempre digo que o programa de televisión Luar é o mellor exemplo de cabaré contemporáneo. O que pasa é que a película Cabaret, de Bob Fosse, amosou un espectáculo que xa se perdera. Despois de facer moitos experimentos cos meus alumnos, defendo a idea de que si existe unha idea colectiva do que é cabaré, do que un actor ten que facer ou un espectador ten que recibir.

-¿Cales son as bases?

-Ten tres bases moi claras. Está o cabaré como espazo, como un local imaxinario e compartido que ten unhas características determinadas. Tamén está como actitude, baseada en que o actor ten que chamar a atención do espectador porque este non vai ao local polo espectáculo. E finalmente está o cabaré como unha estética que parte de sacarlle o máximo rendemento a uns recursos completamente escasos, e aí é onde entra caracterizar o corpo, a roupa, etc.

-¿É un manual para que o usen os actores ou é unha constatación duns feitos?

-Máis ben é o segundo. É como unha testemuña que eu fixen desta maneira e que funciona. Estas claves funcionan e a xente as entende como cabaré, e se retroalimenta co espectador.