O Rasoeiro dá outro golpe de efecto co seu segundo triunfo

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

REDONDELA

Vence con suficiencia 35-33 a S.A.R. e iguala o seu balance de partidos gañados e perdidos

13 oct 2016 . Actualizado a las 05:05 h.

Se o domingo o Rasoeiro facía historia coa súa primeira vitoria como novo equipo de Primeira Nacional na cancha do Bueu Atlético, onte os homes e compañeiros de Kito Parada probaron que, tal e como di o xogador/adestrador, o conxunto meco ergueu unha nova pranta sobre o ata hai escasos meses o seu teito deportivo con intención de alugar o piso por máis dun ano. Cun segundo triunfo consecutivo en tres días a mans doutro teórico rival superior, unha S.A.R. de Redondela que perdeu 35-33 no Monte da Vila.

Con Ángel extraordinario na portería, o Rasu soubo refacerse dun inquidante 4-9 para, cun enorme parcial de 10-0, avanzar cómodo cara ao descanso 14-9. Un novo parcial, desta volta de 0-6 en contra, deixou o choque en táboas no receso: 15-15.

A segunda parte arrincou igualada, ata que no minuto 40 tres exclusións seguidas de Bruno, de Xurelito e de Kito Parada ameazaban con debacle. Pero o Rasu, que ía un arriba, resistíu cun empate ao termo das exclusións, e dez minutos despois deixaba encarrilado o triunfo índose de 6 goles.