296 campos de concentración

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

OIA

18 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Case 300 centros represivos nos ofrece a máis recente investigación sobre este aspecto do sistema penal franquista nos anos da Guerra Civil. Deses 296, once corresponden ás catro provincias galegas: un a Ourense (mosteiro de San Clodio), dous a Pontevedra (colexio e convento dos xesuítas de Camposancos e mosteiro de Santa María de Oia) e oito á Coruña (Betanzos, Cedeira, Ferrol, Muros, Padrón, A Pobra de Caramiñal, Rianxo e A Lavacolla). De feito houbo máis, bastantes máis, se temos en conta campos onde houbo outros criterios de confinamento, como aconteceu na illa de San Simón (e San Antón), na ría de Vigo, fronte a Cesantes. Non se contabilizan campos dos que o investigador non posúe datos claros, que é o caso, por exemplo, do de Ribadeo, en abril de 1938, quizais confundible co existente no veciño Castropol. Asombra a información que nos achega Carlos Hernández de Miguel neste grosísimo volume que titula Los campos de concentración de Franco. Sometimiento, torturas y muerte tras las alambradas (Barcelona, Penguin Random House Grupo Editorial, 2019). O autor, que foi reporteiro de guerra en Kosovo, Palestina, Afganistán e Iraq, é especialista, desde o seu primeiro libro, no universo historiográfico dos deportados españois na Alemaña nazi (Los últimos españoles de Mauthausen, 2015).

No volume hai abundantes e substanciosos datos sobre Camposancos, o campo de concentración máis presente na memoria das xentes de Galicia e de fóra, nomeadamente de Asturias, pois asturianos foron unha boa parte dos reclusos desde finais de 1937, datas nas que as tropas franquistas ocuparon o Principado. Tamén houbo soldados asturianos no mosteiro de Celanova (Ourense). O de Camposancos é un dos poucos campos de concentración que acollían mulleres (non moitas), xa que a estratexia penal do franquismo prefería, para elas, as prisións ordinarias. Nunha delas foi recluída Mercedes Núñez Targa, que nos deixou na súa novela Cárcel de Ventas un retrato pavoroso da vida carceraria nos primeiros anos da posguerra. De todo isto falei o día 10 de outubro na Guarda, ante 200 alumnos do IES A Sangriña, precisamente o lugar -anterior a este centro de ensino- onde os reclusos condenados a morte eran executados naquel trienio bélico. Esta actividade foi o inicio dunha xornada cultural organizada pola Unión Comarcal de Comisións Obreiras (Vigo).

Á tarde, no cemiterio, diante das tumbas dos asturianos, Tito Ucha, do Comité de Xubilados do sindicato, presentou un acto moi emotivo no que falaron José Zapico -secretario de Comisións en Asturias-, Ramón Sarmiento -secretario en Galicia- e Antonio Lomba -alcalde da Guarda-. Finalizou o acto coa interpretación (en galego) da Internacional polo coro de Comisións Obreiras, Cantos de liberdade. Este coro, con outras cancións, tamén actuou no salón de actos do Concello, ao final dunha mesa redonda moi didáctica (interviñeron J. Ballesta de Diego, B. Gutiérrez Huerta e José A. Urís).