O herbario de Rosalía chegará aos Pendellos de Agolada o 28 de maio

La Voz LALÍN / LA VOZ

O ROSAL

17 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A exposición Nasín cando as prantan nasen. O herbario de Rosalía chegará a Deza a vindeira semana nunha iniciativa da Deputación. Unha mostra que poderá visitarse no recinto dos Pendellos, en Agolada, do 28 de maio ao 11 de xuño. Despois de estar aberta en abril en Pontevedra comeza unha xira polas comarcas que primeiro a levará ata Pontecaldelas e despois ata Agolada, para continuar por Ponteareas, As Neves, O Rosal, Tomiño, Redondela, Ribadumia e acabar en Moaña, xa en novembro.

A exposición está composta por imaxes de plantas e flores moi vencelladas á obra de Rosalía de Castro. A Deputación busca coa mostra poñer en valor a vixencia do seu ser e pensamento e a súa reivindicación da lingua galega. Pretende ser herbario literario, non científico, que busca aproximarse ao que podería facer a propia Rosalía nos paseos que tanto lle gustaban e que inspiraron a súa obra. Consta de cinco seccións con corenta imaxes cada unha, que falan de rosas, herbas do campo florido, herbiñas do camposanto, árbores e outras plantas e especies comestibles.