A faciana de Rosalía alumeará a fachada da sede da Deputación e edificios de seis concellos do 24 de febreiro ao 2 de marzo

La Voz VIGO / LA VOZ

O ROSAL

Rafa Estevez

Unha lectura en remoto de poemas da escritora a cargo de nenas e nenos dos centros educativos da provincia e un concurso de debuxo completan a programación

12 feb 2021 . Actualizado a las 21:18 h.

A fachada da sede da Deputación de Pontevedra en Vigo reflectirá o día 24 de febreiro, Dia de Rosalía de Castro, un mapping ca imaxe e pensamento da escritora, acción que tamén se trasladará a varios concellos da provincia. O anunciou hoxe a presidenta da entidade, Carmela Silva na presentación dunha «potente programación cultural o día no que conmemoramos o nacemento da escritora galega máis representativa da nosa literatura». A acción titulada  Proxectando a forza de Rosalía! se desenvolverá tamén nos concellos de Silleda, Caldas, Bueu, Salvaterra, Oia e O Rosal. Consistirá na iluminación da fachada do edificio cunha imaxe e frase de Rosalía de Castro, «un mapping que alumeará a nosa sede entre o 24 de febreiro e o 2 de marzo. A idea que temos é que o público comparta as súas fotografías coas fachadas alumeadas nas redes sociais cos hasthags #CoaForzadeRosalía, #DíadeRosalía e #ADepoconRosalía», explicou.

Ademais, o propio Día de Rosalía a sede da Deputación en Vigo acollerá un acto cultural sen público presencial, debido á situación sanitaria, que poderá seguirse a través das canles institucionais e contará con servizo de interpretación de lingua de signos. Consistirá na lectura en remoto de poemas de Rosalía a cargo de nenas e nenos dos centros educativos da provincia. Ademais lerase o manifesto, elaborado por Anna R. Figueiredo, impulsado pola AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) e actuará a artista Uxía Senlle. O acto completarase co alumeado da fachada, coa imaxe de Rosalía e a proxección dunha das súas frases.

Por outra banda, este ano a institución convoca un concurso creativo de debuxo, titulado A nosa Rosalía, para achegar a figura da autora á rapazada da provincia. Temos a sorte de ser unha comunidade que ten como elemento simbólico a unha muller, a Rosalía de Castro», destacou a presidenta da Deputación. Por este motivo, «o obxectivo é achegar a súa figura ao público máis novo, porque é fundamental que teñan compromiso con todo o que nos identifica e Rosalía de Castro faino como escritora, galeguista, feminista, como unha voz, un rostro, un personaxe que fala da nosa terra». O concurso xa está aberto a alumnas e alumnos dos centros de Educación Primaria da provincia que poden participar, de xeito individual, elaborando un debuxo inspirado ben na personaxe, ben na vida ou na obra de Rosalía, a través de dúas categorías: Campaniñas, para nenas e nenos de 1º a 3º de primaria, e Airiños, de 4º a 6º.  Para participar cómpre descargar en primeiro lugar un documento modelo, xa dispoñible na web www.depo.gal, onde a rapazada terá que plasmar toda a súa creatividade. Unha vez realizado o debuxo, as nenas e nenos terán que entregarllo á súa mestra ou mestre ou á dirección do centro para que o remita escaneado ao correo electrónico anosarosalia@depo.gal. A data límite para o envío dos debuxos é o vindeiro venres 19 de febreiro e, polo mero feito de participar, todas as nenas e nenos recibirán un agasallo didáctico. Os dous mellores debuxos, un por cada unha das categorías Campaniñas e Airiños, serán anunciados o Día de Rosalía e conseguirán como premio especial para o seu colexio unha actividade lúdica e participativa sobre Rosalía con formato de obradoiro a cargo de Polo Correo do Vento.