Derrota sen paliativos do Asmubal ante o Porriño B, un rival doutra liga

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

O PORRIÑO

Xornada polo demais do máis propicia para o cadro meañés

16 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Non era o do pasado domingo un dos partidos aos que o Asmubal Meaño fiara boa parte das súas expectativas de permanencia na División Honor Plata Femenina no último cuarto de calendario. Pode ser que o Porriño B non aspire xa máis ca defender o seu actual posto na clasificación, cuarto, pero igual de certo resulta o seu poderío. Cunha das mellores canteiras do balonmán feminino de Galicia, se non a mellor, o cadro porriñés desprazou ao Pavillón de Coirón a boa parte das xogadoras que alternan o seu segundo equipo e o de División de Honra. E o resultado foi a esmagante derrota do Asmubal, 19-31.

«Nada. Pasáronnos por enriba». Así resumía onte o adestrador do cadro arousán, Juan Manuel Costas, o choque. A metade da primeira parte o marcador xa reflectía un 3-10, reducido a 9-14 ao descanso. No minuto 40 o Porriño B dobraba no electrónico o seu anfitrión, 12-24, dominando 13-30 a dez minutos da conclusión.

Así as cousas, Costas optou por reservar a Cárol Ferreira, inda tocada, e a Victoria, baixa nos dous partidos anteriores, ao pouco de reiniciarse o encontro tras o parón intermedio. Unha forma de minimizar danos e de facer da necesidade virtude, repartíndolles minutos ás súas xogadoras con menos protagonismo nos encontros nos que o Asmubal manexa opcións reais de puntuar.

O pinchazo co Porriño B tivo a súa contrapartida para o cadro de Coirón no pleno de derrotas dos seus rivais pola permanencia. Co pechacancelas, Palencia, amarrando o Lavadores, 23-28, co HBC'74 derrotado a mans do Valladolid, 22-24, e co Carballal sucumbindo ante o poderoso CLEBA, 30-21.