«Vou crear unha peza de gaita cada día do ano»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

O PORRIÑO

MIGUEL VILLAR

Isidro Vidal, profesor no Porriño, hoxe incorpora o tema número 144 ao seu proxecto virtual«#composisión365»

24 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A paixón confesa do carballiñés Isidro Vidal Gallardo é a música. En calquera das súas vertentes. E nesa faceta desenvolve a súa vida entre as clases na Escola de Música de Boborás, a composición de temas para gaita, o reto de crear pezas «a medida», a participación en propostas de música contemporánea e mesmo a formación como artesán para a fabricación de instrumentos antigos. Sen esquecer a súa faceta como gaiteiro, que o pasado domingo o levou a actuar nos actos do Día das Letras Galegas celebrados no municipio da Arnoia.

Formouse en Gaita Galega polo Conservatorio Mayéusis de Vigo e na especialidade de Instrumentos da Música Tradicional e Popular de Galicia e en Etnomusicoloxía polo Conservatorio Superior de Música de Vigo. Tamén ten realizado cursos de diversos instrumentos como frauta, clarinete, percusión e guitarra; e asistido tamén aos de composición, musicoloxía e luthería de instrumentos tradicionais. De volta no Carballiño apostou polo que verdadeiramente lle gusta e creou, xunto cuns compañeiros, a Escola de Música de Boborás. Hai só uns meses que está en marcha -comezaron en xaneiro- e xa contan con corenta alumnos, impartíndose nesta escola gaita galega, percusión tradicional, clásica, saxo, frauta, guitarra, tuba, trompeta, trombón e clarinete.

Aínda que a docencia é o traballo diario -tamén dá clases na academia Tempo 118, de Ourense, e na Escola de Música Municipal de O Porriño-, o seu gran reto ten que ver co 2018 e coa súa faceta como compositor. Ao encetar o ano comezou o seu gran desafío: crear unha peza para gaita cada día e compartila en Internet para todo aquel que estea interesado na música deste instrumento e o seu repertorio. O reto ten nome propio -#composición365- e ao longo de hoxe estará a disposición de quen o queira tocar o tema que fai o número 144 deste 2018. Onte eran máis de 29.400 as descargas que se levan rexistrado e ten interactuado con persoas de toda a Península, Reino Unido, Centroeuropa, América Latina e os EUA.

Alternativa con notas fixas

«Dos Estados Unidos é de onde menos comunicacións teño. Xeralmente as consultas e os correos que mantemos están relacionados coa opinión sobre o proxecto e os temas que vou incorporando no día a día ou suxestións e opcións para novas propostas», indica Isidro Vidal. E se o reto que se marcou o músico carballiñés non era abondo, rematou asumindo un novo desafío. A variante foi proposta por un antigo profesor do Conservatorio Superior de Vigo. «Ernesto Campos propúxome un reto dentro do meu propio reto: as catro notas obrigatorias. A xente elixe as que quere que estean na composición e eu teño que crear unha peza onde figuren esas catro notas e dedicarlla á persoa que fixo a proposta».

As composicións de Vidal Gallardo xa se teñen incorporado a proxectos doutros músicos. « David Bellas -de Viveiro- e Santiago Molina -de Bos Aires- gravaron cancións deste proxecto con gaita galega. Efraím Díaz -Lugo- fíxoo con pito pastoril, que é unha frauta tradicional galega. Ademais, o escocés Brighde Chaimbeul ten gravadas pezas que lle compuxen para scottish smallpipes». Pendentes están os temas creados para Robyn Ada McKay -escocés que toca highland bagpipes- e para o belga Rémi Decker, que toca cornemuse du centre de France.

Da rede a Habitación Vudú

Chegados a esta altura dicir que Isidro Vidal considera que as redes sociais son moi importantes para espallar a música, e que lle dan unha dimensión nova ao mundo da gaita. Vidal é ademais o guitarrista de Habitación Vudú, e tamén un dos alumnos do obradoiro de instrumentos antigos da Deputación.