Del Riego queda en Nigrán ata despois do verán

La Voz

NIGRÁN

Xulián Maure e Camiño Noia, na exposición, que estará ata finais do verán na biblioteca de Nigrán.
Xulián Maure e Camiño Noia, na exposición, que estará ata finais do verán na biblioteca de Nigrán. M. Moralejo

En la biblioteca municipal

22 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A entrada da biblioteca pública de Nigrán acolle a exposición Unha idea de Galicia e de liberdade. Francisco Fernández del Riego (1913-2010). Foi nesa localidade, ao pé da praia de Lourido, onde o protagonista do Día das Letras 2023 mercou un apartamento a comezos dos anos setenta para rachar co día a día que vivía en Vigo.

A súa integración coa contorna foi absoluta, e, anos despois, o pleno da corporación da vila aprobaba por unanimidade concederlle o título de fillo adoptivo. Con estes precedentes, o alcalde de Nigrán, Juan González Pérez, pediulle á Editorial Galaxia que fixese unha exposición sobre don Paco adaptándoa á súa presenza no concello do Val Miñor. O resultado son sete paneis informativos, documentados con fotografías, nos que se fai un resumo da vida tan cargada de fitos e responsabilidades que tivo Del Riego, incluso cando veraneaba en Lourido.

O percorrido empeza cun bloque que vai da Lourenzá natal á vida universitaria do patriarca da cultura galega en Compostela e á súa experiencia bélica. Despois, está a súa chegada a Vigo e as actividades políticas e culturais, co nacemento do selo Galaxia, a súa entrada na Real Academia, a creación do Día das Letras e a posta en marcha da Fundación Penzol.