Bernardiño Graña sopra as 89 velas en Nigrán

La Voz VIGO

NIGRÁN

cedida

O Concello homenaxea ao ilustre escritor cunha mostra e un documental

29 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Nigrán rende homenaxe mediante a exposición O home que quixo vivir a un dos seu veciños máis ilustres. Nado en Cangas, o célebre escritor galego Bernardino Graña vive dende hai décadas na residencia Stella Maris de Panxón. Coincidindo xusto co seu 89 aniversario, o domingo estreouse no auditorio municipal o documental vinculado á mostra,baixo a dirección e realización de Xan Leira, e coa asistencia do alcalde de Nigrán, Juan González e o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes. A mostra abriu onte ao público e contou coa presencia do propio Bernardino, de Xan Leira, e de alumnado do CEIP Humberto Juanes, quen lle cantou polo seu aniversario e lle axudou a soprar as velas.

O home que quixo vivir permanecerá no auditorio municipal ata o 31 de outubro (de luns a venres, de 10.00 a 13.30 horas, e fins de semana de actividades neste espazo), e como colofón final o sábado 30 proxectarase o documental, ás 17. 30 horas.

«Bernardino Graña é un ilustre escritor galego que temos a sorte de ter como veciño, por iso desde o Concello de Nigrán estamos especialmente orgullosos de acoller esta exposición que lle ofrecemos como agasallo no seu 89 aniversario», explica o alcalde, Juan González, quen avanza que desde o Concello xa se está a traballar para o ano 2022, nos seus 90 anos.

A mostra, composta por 14 expositores informativos, fai unha escolma por orde cronolóxica da vida e obra de Bernardino, incluíndo imaxes representativas de cada etapa. A maiores, cada visitante poderá levarse un catálogo informativo a modo de xornal que recolle boa parte da exposición e que inclúe códigos QR con recursos de audio ou video. O documental O home que quixo vivir (con localizacións para a entrevista en Panxón) a complementa. A peza proxectarse o día 30 de outubro e o Concello ofreceráo para aqueles centros educativos do municipio que o desexen.

A obra de Bernardino Graña (Cangas, 27.09.1932) é magna. Poesía, narrativa, teatro, conferencias... Un creador e un intelectual de altura que colaborou na modernización da nosa literatura dende moitos lugares desde os que loitar. Puxo toda a súa intelixencia ao servizo do seu pobo , reflicte a propia mostra de Xan Leira sobre o impulsor e primeiro presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, entidade que o ven de nombrar presidente honorífico. Foi catedrático de lingua e literatura ata a súa xubilación en 1991. Desde ben mozo formou parte do Consello de Redacción da revista poética Alba. Participou tamén como articulista en varios medios, ademais de colaborar como ensaísta en numerosas publicacións. En 1958 participa na creación do grupo Brais Pinto. É autor de dez magníficos poemarios, un destacado libro de relatos, unha orixinal novela, máis dunha vintena de salientables títulos infanto-xuvenís e preto de media ducia de pezas teatrais de relevo que merecen maior divulgación no conxunto da sociedade galega e, moi especialmente, entre a xente nova, á cal dedicou unha parte significativa da súa obra escrita na súa residencia moañesa de Tirán.-