«Gustaríame que a Casares lle dedicasen as Letras Galegas cando vivía Kristina»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

NIGRÁN

Santi M. Amil

A entidade centrase na organización dunha gran exposición sobre o escritor

08 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

As normas polas que se guía a elección da persoa á que se lle dedica o Día das Letras Galegas nas xuntanzas da Real Academia Galega fixan un límite temporal. Unha condición chamada a evitar que as homenaxes se fagan en datas próximas a cando aínda estaba a desenvolver a súa actividade ou a súa carreira profesional. Dez son os anos, logo do pasamento, e cando aínda non se cumpriran xa aparecía o nome de Carlos Casares (Ourense, 1941 - Nigrán, 2002) nas quinielas. Dende o 2012 o autor de Vento ferido era un dos creadores chamados a protagonizar o 17 de Maio e o ano que enceta será o que marcará unha nova etapa e a oportunidade de darlle outro pulo á figura, á obra e á memoria de Carlos Casares. O seu irmán Xavier exerce dende hai anos como presidente da fundación que leva o nome do escritor.

-Como cre que tería sido a carreira literaria do seu irmán?

-Tiña moito percorrido aínda. Era unha persoa moi implicada na cultura de Galicia, dende varios aspectos: como creador literario, como dinamizador dende o Consello da Cultura Galega -do que nos últimos tempos era presidente- e logo a través de Galaxia. E dalgunha forma era tamén un embaixador de Galicia no exterior, porque viaxaba moito e exportaba todo aquilo que podía ter interese fóra, ao tempo que incorporaba novidades que podían ter cabida na vida cultural galega. Fíxoo durante moito tempo e con 61, que foi a idade á que morreu, quedáballe unha longa traxectoria para seguir aportando cousas na creación literaria e na dinamización cultural.

-En varias ocasións falouse del para o Día das Letras Galegas. Foi ao seu tempo?

-Nunca nos fixemos un plantexamento sobre este tema. Aínda que a min gustaríame que lle dedicasen as Letras Galegas cando vivía Kristina -a súa viúva- porque sabía que ía ter unha gran ledicia por ese recoñecemento. Fóra diso nunca pensamos cando llo había que dedicar, nin se o tiñan que facer. Hai moita xente á que aínda non llo deron e están aí, en lista de agarda.

-Como se afronta dende a Fundación Carlos Casares este ano? Que obxectivos se marcaron?

-A prioridade pasa por dar a coñecer a súa obra literaria. Non é todo o extensa que podía ter sido, ao non dedicarse en exclusiva á literatura, mais entre os valores engadidos están aspectos como o afondar en temas que tiñan pouca representación na cultura galega. Algunha das súas obras, como As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas, encetou un ciclo no que se refire á literatura infantil e o mesmo aconteceu no teatro para cativos. E logo está toda a súa narrativa, dende Vento ferido (1967) a O sol do verán (2002), que debe ser coñecida porque ten aspectos importantes de Galicia e do sentir galego.

-Que proxectos teñen previsto desenvolver?

-Dende a fundación estamos moi centrados na organización dunha gran exposición sobre a figura, a obra e a traballo de Carlos. A nosa intención é que durante o ano percorra toda Galicia. A xuntanza da Real Academia Galega do 17 de maio vaise celebrar en Xinzo e tamén barallamos varios proxectos como la creación dun premio literario dedicado a unha obra, a unha traxectoria ou a unha carreira literaria. Tamén está a faceta xornalística de Carlos, á que Freixanes lle chamou «o seu libro aberto», que eran os artigos da serie A Marxe, que publicaba en La Voz de Galicia. Ao mellor por aí tamén podería ir o galardón, por esa vertente. En todo caso é unha proposta que estamos a valorar e que se vai pór en marcha neste 2017.

-Rematou de catalogarse o seu legado. Apareceu algún texto ou obra inédita?

-Non. Hai documentos que non coñecíamos e que se están estudando, pero non textos literarios.