A directora da rondalla que inspirou a película: «Hai protagonistas de ''Rondallas'' que aprenderon a tocar a gaita con nós»

Bibiana Villaverde
bibiana villaverde VIGO / LA VOZ

MOS

Irene Anta nun dos ensaios da rondalla Santa Eulalia
Irene Anta nun dos ensaios da rondalla Santa Eulalia Oscar Vázquez

Irene Anta, de Mos, asesorou a Daniel Sánchez Arévalo e fai un cameo no filme que se estrea o día 1: «Reservamos sala no cine para ir todos xuntos»

28 dic 2025 . Actualizado a las 21:26 h.

Vén de estar no programa de David Broncano en TVE, de estrear no Festival de San Sebastián e de compartir cartel con Javier Gutiérrez e María Vázquez. Irene Anta (Mos, 2003) ten 22 anos e leva catro como directora da rondalla Santa Eulalia de Mos. Cando se puxo á fronte da agrupación musical da súa parroquia non imaxinaba que a tradición musical que cultiva ía ser inspiración para o director Daniel Sánchez Arévalo. A película Rondallas estréase nos cinemas o 1 de xaneiro e recolle a paixón desta mosense e dos seus veciños por estas agrupacións tradicionais. 

Os propios integrantes da rondalla Santa Eulalia formaron aos actores da película e compartiron horas de rodaxe. Todo empezou cun vídeo da agrupación que se fixo viral hai uns anos. «Sánchez Arévalo púxose en contacto con nós hai uns anos cando viu en redes un vídeo noso tocando Thunderstruck de AC/DC, cando estaba á fronte da rondalla Dani Burgos. Fíxose viral e acabou vindo a varios ensaios a ver como traballamos», explica Irene. A partir de aí, sucedéronse as visitas do director a Mos, tamén ao Festival de Rondallas do Ifevi de Vigo, que se celebra cada mes de xaneiro. Aí naceu a película.

Escoita aquí a entrevista

Durante meses, Irene Anta, Paco García Cobas e Nerea González traballaron co equipo de produción. Estiveron implicados na selección dos temas da película e nos ensaios da rondalla de ficción, que na película se denomina Gran Sol, e que está inspirada na agrupación que dirixe esta mosense. «Ata temos un pequeno cameo como premio», apunta Irene Anta. «Realmente a rodaxe foi moi intensa. Collemos días no traballo e axudáronnos a condensalo nun par de semanas. Foron xornadas de 12 horas pero tratáronnos moi ben e estivemos moi a gusto», explica.

A película ten como protagonistas a actores como Javier Gutiérrez, María Vázquez ou Tamar Novas. «Os actores viñeron con nós, tamén por separado, para aprender como se dirixe a rondalla, ou como se tocan os instrumentos. Dos protagonistas, Judith (Fernández) e Fer (Fraga) aprenderon a tocar a gaita con nós». A inmersión cultural na dinámica da agrupación musical de Santa Eulalia produciuse no ano 2024. No verán, os ensaios, e no outono, a rodaxe en varios puntos do sur da provincia como A Guarda, Baiona, Tui, Oia ou Vigo.

A película reflicte o espírito de arraigo e vinculación dos veciños dun territorio coas súas tradicións musicais. Todo comeza cun naufraxio nunha vila pesqueira do sur da provincia no que morreron sete tripulantes e como a recuperación da rondalla devolve a ilusión aos veciños. É algo que estas formacións teñen de seu. «A rondalla é algo moi guai e raro á vez. Somos unha agrupación musical que é unha especie de comunidade. Somos veciños que saímos a tocar no Nadal. Nós, por exemplo, imos polos barrios da nosa parroquia e imos saudando aos veciños». Dende nenos ata xente de máis de oitenta anos, todos teñen o seu papel nesta tradición musical do sur da provincia de Pontevedra.

Este fenómeno cultural está a vivir unha especie de rexurdimento. O labor de difusión das redes sociais, o feito de que incorporan tamén versións máis modernas de temas contemporáneos e a propia promoción da película están contribuíndo. «Non paran de xurdir oportunidades que non agardariamos nunca. Cando nos dixeron de ir tocar ao Festival de Cinema de San Sebastián, coincidindo coa estrea, flipamos. Estase achegando a nós xente curiosa que nos escribe e nos pregunta. Vemos tamén como están subindo as visualizacións. Hai moito interese», explica Irene. Para os 108 membros da agrupación, a estrea tamén está a ser un motivo de orgullo. «Como non somos nada frikis, temos reservada o 1 de xaneiro a sala de cinema para ir vela todos xuntos, cos nosos familiares e amigos».

Entrou nas rondallas cos seus curmáns, cando tiña catro anos
Entrou nas rondallas cos seus curmáns, cando tiña catro anos

Bioquímica e rondalleira

Anta estuda en Madrid un máster de bioquímica e medicina tras rematar o Grao en Biotecnoloxía na Universidade de Santiago de Compostela. Está a facer un traballo de investigación sobre o cancro de mama. Este curso, dirixir a rondalla está a ser un desafío maior pola distancia xeográfica, pero a mosense se organiza para estar en Galicia cada dúas semanas e asistir aos ensaios. «Paco García Cobas tamén asumiu o papel de director e é emocionante ver como eles se dedican. Aínda que non estea eu, as cousas saen tamén».

En tempos de Nadal a rondalla Santa Eulalia toca polas parroquias e ensaia para o certame do Ifevi, que será o 17 de xaneiro. «Todas as rondallas queremos facer cousas novas e saír un pouco das marxes. Todos queremos levar os premios, pero ese non é o espírito das rondallas. Falamos moito entre os directores, realmente hai moi bo rollo».

Será unha cita especial a deste ano, coincidindo coa película, para reivindicar unha cultura musical que segue moi viva e que é moitas veces descoñecida. Ata agora.

A súa canción

«Tempo de Rondallas», de A Vacaloura Vermella. «Esta canción está composta para a película por un grupo que está moi vinculado á nosa rondalla, con integrantes como Dani Burgos. Somos moi festeiros, para nós o máis importante é desfrutar coa rondalla polos barrios e cos nosos veciños, máis que traballar baixo presión».