O Liceo Mutante despídese de Mollabao, en Pontevedra, cunha gran festa

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

MOS

LICEO MUTANTE

Dende o colectivo cargan contra o que consideran é «unha normativa inxusta»

25 oct 2022 . Actualizado a las 09:37 h.

Tras once anos e máis de setecentas actividades organizadas, o Liceo Mutante despídese este sábado de Mollabao cunha gran festa. E o fai «con fonda pena e moita loita, porque nos botan. Imos para outro lado. Pero non nos habemos de ir sen unha festa».

O transfondo desta situación atópase, segundo remarcan, nuns «intereses espurios, unha normativa inxusta e a insensibilidade dos que mandan». A cita é nas pistas de Mollabao, onde invitan á cidadanía a «compartir unha xornada de festa e reivindicación. Estamos vivas e rabexamos e queremos celebralo con todas vós.

Deste xeito, dende as cinco da tarde e ata que o corpo aguante, están programadas as actuacións de Malandrómeda, «o mago da Rocha Vella, combustible sen fin da escena galega da nosa era», que «leva case dúas décadas definindo o que é estar vivo no país. Rap híbrido, sucio e experimental, que forma parte do Liceo desde o primeiro día», destacaron ao respecto.

De Cró! reseñaron que «leva desde o principio dándonos grandes noites de sabor, clase e inspiración cósmica. Osiños de cores, bailes imposíbeis, sonoridades que se poden palpar cos cinco sentidos e moita crema nunha formación que segue turrando do pozo da inspiración. Un gurgullo que nunca seca». Mentres que das viguesas Cheap Lipstick subliñaron que destacan polo seu concepto do rock, «rabudo e rápido, co que seguen explorando o mundo cun pouquiño de garaxe, outro pouco de punk e outras tantas cousas bonitas».

Resto do programa

Pola súa banda, se Lamprea Explosiva «son o faro do sur da provincia. Son punk no 2022 para mudalo todo. Unha rara avis de autenticidade no mar das stories. Pola autoxestión da vida», as Zurraspa «soan a uns Beat Happening que nacesen en Mos» sendo «dúo de pop que é punk, de punk que é pop, cancións sobre cousas que nacen na terra, que te enchen de alegría e rabia en cada nota, coas que bailas sempre porque teñen o ritmo dentro, aprende a bailar!».

Xa por último, na programación desta xornada festiva, á parque reivindicativa, L.C.T.R.C.T., quen, «dende os seus inicios como co-fundador do Electrocute Zine a principios de século», destacouse pola súa obsesión polo vinilo como fonte de son. Así, «comezou as súas sesións en forma de atrevidos soundscapes caracterizados polo ruidismo, o afterpunk e a música experimental. Acuñou o concepto de antiparty exercendo de mestre de cerimonias en audicións performáticas cargadas de provocación onde se deixaba intuír a súa atracción por Merzbow, Hijokaidan e outros exemplos de música extrema». Dende o 2007 está afincado en Berlín, «onde, ademais de atopar novos estímulos na práctica da improvisación libre, amplía a súa paleta sonora cara a novos territorios, rompendo fronteiras, reinterpretando a fusión multicultural na súa faceta como picadiscos e descubrindo que os patróns rítmicos de África están en todas partes, impresos en cor vermella profunda».