«Queremos para Sober un goberno que non sexa e unipersoal como o de agora»

f. albo MONFORTE / LA VOZ

MOS

ROI FERNÁNDEZ

17 may 2019 . Actualizado a las 11:21 h.

Natural da parroquia de Rosende, onde preside a asociación veciñal, Eladio Fernández traballou moitos anos na Citröen de Vigo e viviu no municipio pontevedrés de Mos. Desde agosto do 2018 é portavoz municipal do PSOE a agora aspira por primeira vez á alcaldía.

-Como afronta esta campaña?

-Con moito ánimo, aínda que sabemos que é moi difícil conseguir a alcaldía nun municipio que leva moitos anos gobernado polo mesmo partido. Pero detectamos un cansazo importante entre os veciños e estamos nunha situación política favorable para nós.

-Que cre que pode achegar ao goberno municipal?

-Non queremos ser negativos e hai que recoñecer que o actual alcalde fixo cousas estimables. Pero o Concello funciona dunha forma moi autoritaria e unipersoal, e todo xira ao redor do alcalde, que goberna e decide todo a base de decretos. Hai que crear comisións para repartir o traballo entre os concelleiros e elaborar os orzamentos dunha forma consensuada e aberta, tendo en conta as necesidades de todos e consultando ás asociacións veciñais.

-Cales serían as súas prioridades en caso de gobernar?

-Por un lado estamos de acordo en que hai que potenciar a viticultura e o turismo para fomentar o emprego, pero non só na ribeira do Sil, como se fai agora, senón tamén na do Cabe, que está totalmente abandonada. Hai que promover unha asociación de viticultores e crear un museo etnográfico para divulgar as nosas tradicións culturais. Tamén é preciso mellorar moito a atención aos veciños de maior idade, que son unha grande parte da poboación. Necesitamos un centro de día e tamén un sistema de transporte público que comunique as parroquias coa capital municipal e esta coa cabeceira da comarca.