«Isto é un asoballamento e un roubo por moitas leis que modifiquen»

X.R. Castro VIGO / LA VOZ

GRADA DE RÍO

M.MORALEJO

Preto de cumprirse un ano do conflito co Celta, Cajide pensa que será a vertente social a que «free esta monstruosidade»

19 nov 2018 . Actualizado a las 22:20 h.

A piques de cumprirse un ano dende que se coñecese a intención do Celta de construír unha cidade deportiva e un centro comercial no municipio de Mos, o asunto entra nunha nova dimensión ao convocarse para o vindeiro venres unha concentración para amosar a oposición dos comuneiros de Tameiga e de varias comunidades de augas ao proxecto. Antonio Cajide, o presidente da Comunidade de Montes de Tameiga, sostén que a vertente social é clave para evitar un proxecto que cualifica de «monstruosidade».

-¿Como está agora a situación do conflito?

-Non cambiou moito con respecto a hai un ano. O principal dende entón é que nos pronunciamos en contra do proxecto e agora están movendo ficha eles a nivel político e social.

-Pero si que se respira un clima de diferenzas obvias.

-Si, porque a veciñanza de Tameiga pronunciouse dicindo que non quere saber nada do centro comercial e o Concello segue cara adiante co tema, por iso lle teremos que dicir que a veciñanza non quere saber nada dese proxecto, por iso nos imos manifestar o día 23. Non queríamos chegar a ter que dicirlle ao noso Concello que nos deixe en paz e non nos quite a terra.

-¿Que pretenden con esa concentración?

-Que o Concello vexa que non está gobernando para a veciñanza, que todos os que van ir alí o venres son veciños de Mos que non queren saber nada e a alcaldesa non falou con ninguén, firmou o convenio con Mouriño e veña para adiante coa Xunta para sacar os permisos, pero sen falar coa veciñanza nin cos propietarios das traídas de auga. Todo, logo de anunciar o proxecto como algo xa feito. O que fixeron nos Escudos e logo en Mos foi un escándalo. Foi dar a coñecer algo do que nin se falara nin con propietarios, nin usuarios, nin veciños nin nada. Un atropelo.

-¿Tiveron contactos directos co Celta ao longo deste tempo?

-Antes do verán tivemos xuntanzas, pero logo da asemblea mandámoslle un burofax dicíndolle que non iamos a seguir negociando porque os veciños non queren saber nada do proxecto.

-¿A proposta concreta do Celta sempre foi dous metros por un?

-Eles dicían que eran capaces de conseguir case ese 2x1 e entón ofertaban ata os oito que lle pedíamos ofrecendo en cartos, pero sempre lle dixemos que nós dende hai moito o que queremos é capitalizar superficie de monte non cartos. Xa nos levou bastante monte a autopista e nós o que queremos é recuperar terreo, por iso lle falamos da permuta. E incluso antes lle ofrecemos o alugamento do terreo, pero eles foron sinceros de entrada ao dicir que querían mercar para urbanizar e logo vender. Así quedaba a opción da expropiación, pero dixeron que non ían tirar por ese camiño porque levantaría moita oposición social.

-¿E coas comunidades de augas?

-Naquelas negociacións dixémoslle que había seis captacións de auga legalizadas que dan abastecemento para consumo humano a dúas mil familias. Entón quedaron de miralo e de facer un estudo, pero aínda hoxe non deron resposta. Sei que están tentando dividir ás traídas de auga para que acepten as condicións, que pasarían por cederllas ao Concello para que logo este as ceda ás empresas que xa xestionan a auga.

-¿Como interpreta a frase de Mouriño «hay elecciones y ya pasarán»?

-Como en toda loita ábrense tres frontes: a política, a social e a xudicial. Claro que a nivel político poden facer moitísimas cousas e cónstanos que as están facendo porque a inclusión deste artigo que queren meter por detrás na Lei do Solo está claramente enfocado a darlle viabilidade a este proxecto dende o punto de vista municipal e logo outras cousas como son as eleccións municipais. Porque se a alcaldesa de Mos segue empeñada en tirar para adiante con isto sen falar cos prexudicados, supoño que lle vai a causar un custe electoral alto, porque non todo o mundo que vota ao PP está de acordo con tirar con todo isto e se perdera maioría hai outro escenario.

-Seica vostedes non falan co Concello.

-O escenario non é que nós non falemos co Concello, senón que o Concello quere expropiar todo isto sen falar con nós. Nunca a alcaldesa dixo que ía falar coa xente de Tameiga e veulles a explicar o que queremos facer aquí e ver por onde podemos tirar.

-¿Chegaron a ver planos ou ter datos concretos da cidade deportiva e do centro comercial?

-Temos o borrador que presentou o Concello na Xunta para que lle autoricen a Modificación Puntual do PXOM, que era público, pero todo é moi xenérico e cousas que se afondas un pouquiño non teñen xeito. É todo para que cambien a cualificación de forestal a terciario para poder dotalo de servizos. O que non temos é un proxecto do que queren facer, porque non hai proxecto polo que me comentaron os representantes das traídas de auga que foron a falar co Concello.

-Falan vostedes de tres frontes: social, política e xudicial. ¿Como as van artellar?

-A vertente social vai ser a que impida toda esta monstruosidade, porque politicamente estamos vendo que teñen moitos cartos e moito poder, e entón van intentar facer o que lles dea a gana. A social vai a ser o cabalo de batalla, porque mal saben eles que isto xa pasou hai 30 anos.

-¿Xudicialmente que poden facer?

-Xa estamos pensando en ir a Bruxelas porque isto non pode ser. Isto é un asoballamento total, un roubo e unha usurpación por moitas leis que modifiques. É todo para darlle encaixe a este proxecto. Iso ten moitos visos de ser ilegal, pero se aquí non nos fan caso, iremos a Bruxelas.

O proxecto de campo

Segundo transcende do proxecto, nos terreos de Tameiga construiríase o campo do Celta B ademais do centro comercial e o resto da cidade deportiva sería na parroquia de Pereiras, pero segundo os inquéritos da Comunidade de Montes, a superficie para o estadio do filial sería de sete hectáreas, case o dobre do que ocupa agora Balaídos, o aparcamento e as pistas de atletismo, o que lles leva a pensar que alí poderían construír un estadio para o primeiro equipo.

-¿Se en vez de centro comercial fose a cidade deportiva, a súa a actitude sería outra?

-A cidade deportiva non toca Tameiga.

-Seica o campo do Celta B.

-Cando nolo presentaron dixéronnos que un determinado terreo podería ser co paso do tempo o lugar dun estadio pequeno para o Celta B. ¿Que ocorre? Estivemos mirando a superficie que ocupa ese futuro proxecto e atopámonos con que abrangue cerca de sete hectáreas e resulta que miramos canto ocupa Balaídos, e o estadio, o aparcamento e as pistas de atletismo, todo en conxunto, ocupan 4,7 hectáreas, o que significa que en Tameiga queren máis do dobre, entón non é certo que queiran o estadio de B, senón o que queren é poñer alí Balaídos. Supoño que queren ter un campo de fútbol en propiedade. Dá a impresión de que Mouriño quere unha cidade deportiva e un estadio propio para negociar e vendelo.

-¿Isto acabará en expropiación forzosa?

-Tentarano. A parte política vai facilitar que sexa pola vía da expropiación forzosa e aí está o gran medo que teño eu polo que poida pasar, porque xa o tentaron fai 30 anos e houbo un rebumbio tan grande en Tameiga que se formou un gran revuelo e incluso houbo unha morte.

-¿Algunha ameaza ou coacción?

-Directamente non. Sei que hai movementos por aí para facer chegar outras versións.

-¿E as traídas de augas?

-Aí están presionando e intentando dividilas. Cónstanos que están facendo traballo de campo de buscar confrontación, buscar división e cambios de criterios.

-¿Na parroquia a convivencia segue sendo a mesma?

-Creo que hai moita desinformación. Crese que van coller un anaquiño de monte e van facer alí un centro comercial que vai a levar todo o monte. Imos facer unha serie de conferencias, estamos en contacto coa universidade que nos vai a traer varios poñentes.