«O máis sorprendido de que as edís do PP me votasen como alcalde fun eu»

Monica Torres
mónica torres MONDARIZ / LA VOZ

MONDARIZ

M.MORALEJO

O rexedor confesa o seu «shock» inicial pero, con 30 anos de experiencia, asume o cargo con «responsabilidade»

18 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha carambola fixo que o nacionalista Xosé Emilio Barros Belo fose investido alcalde do seu pobo natal. Alternativa por Mondariz foi a lista máis votada o domingo 26, pero non o sábado, cando contra todo prognóstico dúas concelleiras do PP deron un envorco á corporación alzando a súa man a favor do candidato do BNG. O propio rexedor mostra a súa sorpresa ante o xiro pero, con máis de media vida de experiencia en política activa, sete como concelleiro do Bloque, ten moi claras as prioridades do mandato.

-Soubo antes da votación que ía ser alcalde?

-Non. Había a rumoroloxía na rúa de que o PP podía querer votar en contra do anterior goberno, pero nunca acreditabamos nela porque non pensabamos que realmente, chegada a hora da verdade, poidera ser así.

-Que lle pasou pola cabeza?

-Houbo un primeiro momento de incredulidade, uns segundos que creo viviron todos os presentes. Houbo un silencio de shock e sorpresa, pero logo reaccionamos porque era tamén a rumoroloxía da rúa das últimas semanas.

-Xa asumiu o xiro?

-Cando estás en política por convencemento e principios, por defender algo no que ti cres, e o tempo así o amosa, chegar a un cargo ou non chegar non é unha carreira polo poder. Se non houbese saído alcalde, estaba perfectamente preparado para seguir na oposición. Agora toca o papel de ser alcalde e asumímolo con responsabilidade e serenidade. Cun equipo tan bo e potente como o que teño ó meu lado, podemos afrontar con certo optimismo esta nova etapa dentro das dificultades da situación. Xa o asumín o sábado, pero é certo que estamos dixeríndoo por fases.

-Como foi o seu primeiro día á fronte do Concello?

-O primeiro que fixen cos meus compañeiros Leopoldo Tato e Anxos Carballo foi reunirnos cos operarios municipais ás oito da mañá e nestes primeiros dous días tentamos estar con todos os membros e departamentos de persoal do Concello. Nos temos unha idea dos proxectos que xa están comezados e veñen de atrás e temos que afondar agora en cada un deles.

-Pensa nalgún acordo ou pacto de goberno?

-Nós tiñamos tido contacto co PSOE tras as eleccións e sabiamos do seu apoio na votación, pero era todo canto sabiamos. A pesar da macrorrumoroloxía que existe tras o seu voto, co PP nunca houbo pacto nin contacto, o máis sorprendido de que me votaran como alcalde fun eu mesmo. Coas forzas da esquerda nós seguimos mantendo a man tendida para chegar a calquera tipo de acordo e, esperamos que poida callar nalgo máis.

-Cales son as prioridades e proxectos cos que asume o cargo?

-Son un conxunto e están vinculadas á situación que afrontamos pola preocupante caída demográfica que ten moito que ver coa falta de infraestruturas. Mondariz precisa dun pequeno parque local para que evitar que as empresas daquí teñan que marchar, pero tamén é prioritario mellorar as infraestruturas turísticas.